A formación nacionalista ratificou a Isabel Pérez como candidata para o concello de Ourense

A UPG aproba en solitario as listas do BNG nas cidades

Os membros do Consello Nacional da Unión do Povo Galego (UPG) e os integrantes de Movemento Galego ao Socialismo (MGS), que xuntos conformaron a plataforma Alternativa pola Unidade (ApU), aprobaron cos seus únicos votos as listas coas que o BNG concorrerá ás municipais do próximo ano. Pola súa parte, o Encontro Irmandiño, corrente crítica que lidera o ex voceiro nacional Xosé Manuel Beiras, votou en contra, e os membros de MáisGaliza, que encabeza o voceiro parlamentario, Carlos Aymerich, abstivéronse.
Deste xeito foron ratificadas as listas -con 53 votos a favor, 10 en contra e 30 abstencións- que se aprobaran previamente nas asembleas locais cun claro dominio das candidaturas impulsadas pola Unión do Povo Galego (UPG), que encabeza as de Lugo, Ourense, Pontevedra, A Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol. Pola súa parte, MáisGaliza, que no proceso local formou listas co Encontro Irmandiño, encabezará a candidatura de Vigo co actual tenente de alcalde, Santiago Domínguez.

Antón Bao, Isabel Pérez, Xosé Manuel Carril e Xoan Xosé Pita serán os cabeza de cartel de Lugo, Ourense, A Coruña e Ferrol, respectivamente; mentres que Miguel Anxo Fernández Lores repetirá como número un da lista do BNG en Pontevedra, onde gobernou as últimas tres lexislaturas.

O voceiro nacional do Bloque, Guillelme Vázquez, mostrouse satisfeito co resultado, posto que 'o máximo órgano de decisión entre asembleas é soberano'. 'Somos un grupo político tremendamente e absolutamente democrático, que adopta as cuestións de forma democrática', aseverou Guillerme Vázquez.

Os 'irmandiños' mantiveron a súa postura crítica coa cúpula nacionalista, da que non forman parte, e criticaron que a UPG 'consuma o seu control' nas cidades coa 'abstención de MáisGaliza', que asume as teses máis pactistas'. 'Son as listas menos plurais da historia do BNG', engadiron.

Te puede interesar