Rabo de nube

A lata de sardiñas de botín

Este diario é unha viaxe a ese momento entre mocidade e idade adulta en que a vida comeza a ir en serio

Botei días, partillados con outras lecturas (obrigadas, triste oxímoro), enguedellado neste dietario, mais sen constatación de datas, si dos anos, os que van de 2006 a 2011, co libro de Ignacio Peyró. E direi que poucos libros como este. Que me reconcilia cun xénero que se ben teño desfrutado con Trapiello ou Llop non me vía nel con tanta fondura desde os tempos de Umbral. 

Si, xa sei que o deste señor era outra cousa: novelas, ensaios, crónicas de prensa, mais poisque o Umbral sempre estaba a falar del mesmo, con moitos damnificados na beira do seu camiño, compre dicir que tampouco se alonxaba do dietario “comme il faut”. Que é o que fai Peyró, actual director do Cervantes, de Londres, e dono dunha prosa que, sen fuxir do lirismo, bate cunha épica que pode mudar, polos mocazos que administra, nunha especie de “Retablo de Maese Pedro”, iso si, logo de que o Quixote tivese pasado por el. Quero dicir con isto que Ignacio Peyró, a quen non coñecía senón moi oblicuamente ata que este libro chegou ás miñas mans, vese que eu non frecuentaba os “media” polos que se movía nos anos aos que fai referencia este pracenteiro manual de hábitos ou costumes, nos anos do “derroche” (o de Peyró, de talento), sabe dar porque se cadra ten recibido igualmente. Do mundo do xornalismo, do da política. Hóspede en ambos da dereita, concretamente en Intereconomía, La Gaceta ou como escribano da Cospedal, e moi próximo a Mariano Rajoy, mais non tanto como para equiparse de “habitual”. 

Dos uns, dos outros, del mesmo, de tanta ilusión como fora río abaixo, fai Ignacio Peyró retrato inmisericorde (senón a orzada pola súa crenza, decididamente “cordial”, de corazón, nun Deus ben diferente ao que patrocinan agrupacións ben poderosas aínda), con pintura grosa cando vén a conto; moitas veces. Á parte, xa digo, o estilo purísimo deste home, gozador das vida, gastrónomo, enólogo e moitas outras cousas que poderíamos dicir del. Moi bo lector, e magnífico “fabbro” da lingua española, senón no abuso que fai do verbo “fatigar”, que aprendeu en xoves. Polo demais, tan impecable, tan axeitado, como aquel tempo que vivíamos como deus, e no que Emilio Botín podía cear unha lata de sardiñas no despacho. Tan ricamente.

Libro: Ya sentarás cabeza // Editorial: Libros del Asteroide // Autor: Ignacio Peyró // Precio: 23,70 euros. 

Te puede interesar