Manuel Vicent rende homenaxe a Mauricio Vicent cun obituario

Mauricio Vicent.

O autor rinde un recordo a Mauricio Vicent, fillo de Manuel Vicent, histórico corresponsal periodístico que reflictiu nos seus textos con profundidade a vida social, política, musical, humana de Cuba

Neses anos a casa dos Outeiriño, Majadahonda, Calle Santa Beatriz de Silva, os donos, Pepa e José Luis, era un caixón de xastre, caixa de sorpresas onde acontecía de todo (década dos oitenta, se non a prodixiosa, case). Veciños de José Luis Moreno, o de “Macario” e “Rockefeller”, un pouco máis enriba moraban Summers e Beatriz Galbó e no aire vibraba o aire dun tránsito político que aínda non dera paso ao desengano (a película dos Panero, anterior, outra historia, así e todo), en “cas” Outeiriño parabamos unha caterva, diversa e pavera.

Sempre abeirados pola bondade de Pepa Vila, e protexidos polos mastíns “Kazán” e “Lua”, e o gato “Misiño”, tan ornitófago que mesmo meterá as patas pola gaiola dos canarios para -lástima fora- papalos. Por alí paraba un rapaz moi espilido e brillante, con grande sentido do humor, fillo do incombustible Manuel Vicent, domingo a domingo na páxina traseira de “El País”, onde o 18 de xuño, escribira o obituario máis estoico que xamais lin, adicado ao seu Mauricio, morto en La Habana a unha idade á que ninguén deberá marchar. Si, Mauricio, Mauri, chámalle o pai, andaba por aquela casa ou cova dos milagres, onde eu exercía a docencia particular, emulando a Wether, claro que sen amores platónicos nin, certamente, suicidio conseguinte.

Mauricio, pelo grande se non lembro mal, tiña un aquel retranqueiro, e ría a gargalladas cando lle contaba que segundo José Luis Coll, Manuel Vicent ligaba “por la cara”. E é que, dixera o humorista conquense nun programa televisivo, con aquela alopecía prematura que lle apirulaba o cráneo, Vicent recordaba ao órgano viril. Mauricio fora para La Habana, por razóns de saúde, e alí ademais de se desempeñar como amador de cubanas, leo nalgures, fora corresponsal perítisimo de “El País”. Tanto que lle tiraran a acreditación.

Debeu de recuperala pois seguín a lelo, informándome moi ben través súa, ás veces entre liñas, do que (non) acontece en país tan merecente de mellor fortuna. Mauricio voltaba ás veces por Majadahonda, onde cadrabamos a fume de carozo. Eu sigo na Majada, e ás veces cruzo Santa Beatriz de Silva cun bater de saudades no peito. O que sentín lendo a Manuel Vicent, pranto contido por Mauricio Vicent, Mauri. Si.

Te puede interesar