EDUCACIÓN

O CEIP Rodolfo Núñez convoca a 150 escolares á súa loita contra o lume

Alumnos doutros centros da provincia participarán este martes nunha xornada de confraternización e concienciación

O CEIP Rodolfo Núñez de Vilardevós vivirá mañá unha xornada especial coa recepción de máis dun cento de escolares de dous centros da provincia -CPI Terras de Maside e CEIP Virxe da Pena da Sela de O Irixo- aos que convidaron -como ó resto de institucións da comunidade- a un completo programa de concienciación contra o lume, que incluirá o visionado de dous documentais, a entrega dun libro editado polo centro académico local e a visita á Cidadella.

A idea xurdiu da súa directora, Rochi Nóvoa, quen quixo tentar concienciar ós pequenos da escola na importancia de preservar a natureza e previr os lumes. Ademais de enviar sementes de varias especies a todos os colexios das vilas galegas, axentes do Distrito Forestal de Verín participaron en charlas concienciadoras. A iniciativa culminouse coa gravación, coa colaboración do cineasta Xosé Antón Bocixa, do documental "Como me fai sentir o lume"; e a edición do libro titulado "Os lumes", no que participaron importantes nomes da literatura galega actual. A xornada comezará pasadas ás dez da mañá coa benvida e almorzo a todos os cativos. Logo visionaranse dous documentais, o realizado por Bocixa e un sobre a ruta do contrabando elaborado polo Centro de Desenvolvemento Rural Portas Abertas de Vilardevós. Logo, os cáseque 200 alumnos -locais engadidos- partirán en autobús ata a Cidadella, onde percorrerán parte da ruta do contrabando e disfrutarán dun xantar colectivo e de xogos infantís. La Región entregará un obsequio ós asistentes.

Te puede interesar