A Mancomunidade acollerá un coloquio sobre turismo termal

O vindeiro martes, 5 de xullo, ás 10,30 horas, celebrarase nas aulas da Mancomunidade de Monterrei (en Verín) a primeira xornada informativa sobre a implantación do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (Sicted) de Ourense Termal, conformado polos 15 municipios termais da provincia. As xornadas nacen co obxectivo de adherir empresas e servizos turísticos da contorna e de toda a comarca de Monterrei que forman parte do Plan de Sustentabilidade Turística en Ourense Termal. Este execútase co cofinanciamento da Deputación provincial de Ourense, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo. 

A través destas actuacións búscase implantar unha metodoloxía desenvolta pola Secretaría de Estado de Turismo para os servizos turísticos públicos e privados, que contribúe, a través de boas prácticas, a mellorar a satisfacción do cliente e o posicionamento do destino. A finalidade das sesións informativas é captar empresas e servizos turísticos que se adhiran ó Sistema de Calidade Turística, os que pasarán a ser beneficiarios dun proceso de formación, asesoría e avaliación para chegar á certificación e obtención do distintivo de “Compromiso de Calidade Turística”. 

Todo o proceso se fará con cargo a Ourense Termal e, polo tanto, será gratuíto para as empresas e outros servizos deste eido, sento ata de 36 tipos os beneficiarios: aloxamentos, restauración, visitas guiadas, museos, oficinas de turismo ou transporte.

Te puede interesar