Memorias compartidas polas mulleres de Verín

AUDIOVISUAL

“Lembrábao a máis vella do lugar”, o obradoiro organizado pola asociación Clásicas y Modernas (CYM) xunto co Ministerio de Igualdade, concluiu coa recopilación das historias ás que agora darán forma audiovisual Mariana Carballal e Inma López Silva

Foto de familia con parte das participantes, xunto con Mariana Carballal -esquerda- e Inma López Silva -centro-.
Foto de familia con parte das participantes, xunto con Mariana Carballal -esquerda- e Inma López Silva -centro-.

Ao longo dun mes e tres sesións, un grupo de mulleres verinesas de distintas idades e con diferentes traxectorias vitais compartiron moito máis que un espazo no primeiro andar da Biblioteca da vila, ao pór en común parte das súas memorias de infancia, xuventude e tamén madurez.

Tras unha primeira sesión de conversación aberta, na segunda as participantes tiveron que levar algunha memoria de verán de cando foran pequenas, pero escrita en formato de relato. Na última participou unha nena, unha presenza que desencadeou a lembranza de certas memorias por parte de tódalas mulleres presentes.

Así, as máis maiores tiñan por desgracia experiencias aínda máis difíciles do que o resto, pero con puntos en común interxeracionais, posto que as eivas que enfrontaban as mulleres ao longo dos seus relatos repetíanse coma constantes, unha tras de outra: ser vistas coma obxectos, que a súa opinión non contase ou ter sempre que amosar a súa capacidade.

No obradoiro tamén houbo tempo para narracións de tempos pretéritos, felizmente superados, como cando eran separadas por sexo para estudar e obtiñan sempre os peores destinos e a peor formación polo simple feito do seu sexo.

Unha das veciñas sintetizouno á perfección e pronunciou unha frase coa que todas se sentiron identificadas: “Espérase que as mulleres fagan o dobre que os homes, na metade do tempo, e coma se nada”.

Outra das cuestións máis repetidas, xunto coas historias do contrabando arraianas e a emigración a Cataluña ou ao País Vasco, foi o tema dos coidados, que recaían (e recaen) indefectiblemente nas mulleres, sen máis explicación.

A coordinación correu a cargo da actriz e directora Mariana Carballal, natural de Albarellos, que loitou por traer á súa vila este obradoiro, que foi impartido pola escritora e profesora picheleira Inma López Silva.

Contenido patrocinado

stats