A prensa de trabe, peza do mes no Museo de Verín

NP - Peza do mes maio 2021 MCM Verín
photo_camera A prensa de trabe xa está no Museo de Verín. (Foto: cedida).
A prensa é a peza máis fotografada do Museo Claustro Mercedario

O Museo de Verín edita unha nova peza do mes para homenaxear a que é a máis fotografada da exposición sobre os 2000 anos de historia do viño en Monterrei: a prensa de trabe.

Con esta actividade, o Museo de Verín súmase á celebración do Día Mundial dos Mueseos avogando por seguir divulgando a identidade comarcal de Monterrei.

A importancia da prensa remóntase a presenza, dende a alta idade media, dos lagares rupestres na comarca, que se mantiveron ata que as prensas de gaiola de ferro substituíron no século XIX aos lagares de trabe instalados nas adegas -xeito dominante de extraer o mosto-.

As prensas, desterradas polas súas sucesoras de fundición -moitas delas producidas na factoría Malingre de Ourense- só quedan como mudas testemuñas os embigos incrustados nas paredes en innumerables aldeas, desposuídos xa da trabe.

En moitos outros casos, incluso en pobos da montaña nos que hoxe non queda nin rastro de viñas, algunhas testemuñas da presenza das cepas son os "pensos", reempregados como pedras angulares das casas. Eran tempos nos que o consumo de viño era de máis de 80 litros por habitante e ano, fronte aos nove de hoxe en día.

A prensa de trabe

Cunha lonxitude de case 5 metros da panca, presenta o "embigo" e o "rodeiro" nun extremo -bisagra de pedra e pasador que a unen ao muro de carga-, a trabe, o "parafuso" e o "penso" ou contrapeso de grandes dimensións. Finalmente, para facer funcionar ambos, a "panca" ou accionador manual do fuso.

Dende o Museo de Verín sinalan que "esta prensa preséntanos, como conxeladas no tempo, dúas magníficas innovacións atribuídas a Arquímedes: a panca e o parafuso". A panca é a trabe que aprisiona o bagazo grazas á tracción cara abaixo por gravidade do penso, pedra de granito de varios centos de quilogramos que colga dun extremo.

O segundo elemento da prensa de trabe procedente da comarca de Monterrei é o parafuso que acciona a panca. "Foi inventado por Arquímedes por encargo de Hierón II, tirano de Siracusa, como medio de achique para o barco máis grande da idade antiga: o "Siracusia", que podía cargar a 600 persoas", contan dende o Museo Claustro Mercedario.

Por iso, dende hoxe a peza do mes dedicada á prensa de trabe está dispoñible -ademais da súa presenza no centro- no Facebook do Museo e na páxina web do Concello de Verín, "tentando continuar co traballo de adaptación ás novas tecnoloxías e o emprego das redes sociais para achegarse aos seus usuarios e usuarias", conclúen dende o museo da vila do Támega.

Te puede interesar