Entrevista alcalde de A Mezquita

Rafael Pérez: “A financiación dos concellos ten que mudar para que o rural non morra"

a mezquita
photo_camera Rafael Pérez Vázquez, regidor de A Mezquita.

O alcalde de A Mezquita é capaz de chegar a acordos de lexislatura e mantelos. Coa que acaba de escomenzar, son xa tres os cuatrienios que leva dentro do consistorio

 Rafael Pérez é deses alcaldes capaz de chegar a acordos de lexislatura e mantelos. Coa que acaba de escomenzar, son xa tres os cuatrienios que leva dentro do consistorio de A Mezquita. Os primeiros catro anos, logo das eleccións do 2007, coma tenente de alcalde, cando a responsabilidade de goberno lle correspondeu á súa parella de baile, o grupo municipal socialista. Logo, chegaría o cisma entre populares e as filas de Montesinos, que propiciou que fose o único edil do PP quen o acabara investindo alcalde, cando o BNG e PSOE obtiveron o mesmo número de actas de concellal. A que foi a súa primeira lexislatura como rexedor fixo que os seus resultados mellorasen ata o punto de chegar a duplicalos en número de edís. Catro son os que agora o apoian no seu cometido, coa colaboración do único representante socialista. 

Supoño que sendo xa a segunda lexislatura, falar dos primeiros meses desta o dos logros conqueridos non ten moito senso.
Como vimos de atrás, seguimos na liña da contención do gasto e da optimización dos recursos, porque non temos ningunha marxe máis de maniobra pola débeda que herdamos no seu momento. 

Era moita esa débeda?
Pois, perto de un millón douscentos mil euros. Estamos nun plan de axuste que nos condiciona moito, condiciona contratacións que non estén subvencionadas ó cento por cento, obras que non estean financiadas ó cento por cento... 

Vaia, que nin tan siquera dende o Concello se poderá levantar un merendeiro por pequeno que este sexa con fondos propios. 
En efecto, só se contemplan actuacións financiadas con recursos propios no caso de emerxencias, é dicir, una instalación municipal que sufra un derrubamento e que haxa que repola ó seu estado inicial. É precisamente por isto que eu penso que o sistema de financiación dos concellos debería de mudar non momento en que uns concellos entran nun plan de axuste moi severo, aínda que eu penso que é unha intervención en toda regra. Logo, saen unha liña de axudas, pero coas mesmas condicións para todos os consistorios, esteas ou non dentro dun plan de axuste. Creo que deberían de establecerse dúas liñas, unha para os que están sometidos a esa intervención por mor de débedas anteriores, e outra para aqueles que están saneados. 

Non sei se estar así tan intervido financieiramente fai que gobernar sexa moi difícil, ou mesmo moi sinxelo.
É moi difícil porque se sinte moita impotencia, porque eu son dos que interpretan a política dun xeito moi distinto a aqueles que endebedaron o Concello. Quen conseguiu situar á Mezquita neste nivel de endebedamento tiña a política de manterse non cargo a costa de gastar sen límite o diñeiro público. Logo, un atópase co problema de que non se dá pagado. 

Lembro que nese municipio teñen tamén un deses edificios que van a convertirse nun mausoleo, o multiusos.
Sen dúbida, é un edificio que non ten ningún sentido. Agora mesmo esa construcción non está en condicións de ser usada, está nun estado calamitoso. Unha porcentaxe alta dos metros cuadrados que ten non se pode utilizar. 

Algunha solución terá pensada para darlle utilidade.
Nun principio tiñamos pensado traer unha compañía que localice por onde chove no teito e no momento en que teñamos maior dispoñibilidade, facer un estudo por parte dalgún arquitecto para ver qué remodelacións se pode acometer. Esto resúmese en que con diñeiro é alcalde calquera, o malo é sen diñeiro. Ademáis, outra das cousas coas que non estou dacordo é a burocracia que teñen as distintas administracións. Nos levamos co PXOM máis de sete anos, e vai haber un cambio na Lei do Solo, e todo o traballo que se leva feito neste tempo e os cartos que incluso puxo a Administración autonómica irán polo retrete. Non pode ser que nun concello coma este haxa alguén que teña unha iniciativa, que queira vir ó pobo a montar un negocio e que o alcalde se vexa impotente de poder darlle unha licenza, e que acaba indo ó do lado. Se estamos falando de fixar poboación no rural, de apoiar o emprendemento e resulta que non podemos dar autorizacións para investir... ¿cómo se explica esa aposta polo interior?

Nótoo verdadeiramente incluso enfadado ca realidade actual.
Non é que o estea, pero o que vexo e que moitas veces estamos aquí loitando por sobrevivir e sen embargo chega algún cun proxecto e non é que nin tan siquera non se reciba, e que con tanto impedimento estámolo convidando a marchar. A xente non entende que non sexa culpa do Concello o que non se poida construír unha nave, unha casa ou un baixo para un establecemento comercial. Os concellos teñen que ter moitas máis armas, porque senón sentímonos impotentes. 

Ten pensado pedir algún tipo de responsabilidade pola xestión anterior á súa chegada ó Concello?
Non, non podemos esquecer que neste concello tamén había un secretario e un interventor, que emitiron un informe favorable no momento desa disposición de fondos e que, teóricamente, se axustaba esa inversión á legalidade. Outra cousa é que fose necesaria. 

Con este panorama, falar de proxectos cáse que resulta insultante.
Estamos pendientes de que nos concedan un obradoiro de emprego; que tamén nos inclúan nun plan director a construcción dun albergue, previsto para o 2017. Tamén estou tentando valorizar totalmente o noso castro e aprobar definitivamente o Plan Xeral de Ordenación Municipal.

Te puede interesar