Entroido

Laza mantén vivo o espírito entroideiro a través das plataformas dixitais

entroido laza 2021
photo_camera Na Praza da Picota unha pancarta rinde homenaxe ao Entroido.

Turismo de Laza mantén viva a chama do Entroido con unha serie de iniciativas 

Debido a cancelación do Entroido 2021, Turismo de Laza decidiu reinventarse e manter viva a chama do Entroido. Para iso, ademais da primeira toma de contacto con esta nova forma de vivir esta festividade na que os veciños e veciñas de Laza deixaron por diferentes aldeas tres mecos, Turismo de Laza vén de anunciar catro iniciativas para contribuír a manter presente a esencia do Entroido.

O ano pasado xa se fixo un concurso de imaxes sobre o Entroido, polo que dende este grupo queren seguir unha dinámica similar e xogar coa fotografía. A primeira das iniciativas consiste en capturar a imaxe dunha máscara de Peliqueiro cun fondo branco, tendo como resultado unha montaxe de todas as publicacións.

Respectando as normas vixentes, outra proposta é sacar unha foto dende a casa cos convivintes ou individualmente promocionando os produtos estrela, o xastré e a bica.

A terceira das iniciativas ten por nome "selfie na Picota". A idea é fotografarse na Praza da Picota, co pensamento de que aínda que este ano estará baleira, para o próximo Entroido os lazanos e lazanas deben collelo con máis forza. 

E por último, o "Entroido no tempo", que consiste en publicar fotos doutros anos desta celebración ou, incluso, dos carteis ao longo da historia do Entroido lazano.

WhatsApp Image 2021-02-08 at 14.19.57_resultado

A pancarta da Picota

Ademais, os habitantes do Concello de Laza decidiron colgar na Praza da Picota unha pancarta similar á que lucía na mesma praza a finais dos 70 e principios dos 80, e que Antonio Muñoz Carrión, creador do traballo "Laza: Entroido de mi memoria", fotografou naquela época. 

"O Entroido d'eiquí vive" é o lema que queren facer soar os lazanos neste ano tan "atípico" sen Entroido.

Te puede interesar