As xornadas de Novela Negra de Verín celebraranse os días 27 e 28 de xaneiro

photo_camera Presentación do evento na Biblioteca Pública Municipal de Verín. (Vídeo: C.C.).
O Concello de Verín presenta a V edición desta cita cultural, baixo o nome de "Black in Black"

O Auditorio de Verín será o escenario escollido para a celebración das V Xornadas de Novela Negra, que se celebrarán os días 27 e 28 de xaneiro. Organizadas pola Biblioteca de Verín, estarán coordinadas e dirixidas polo xuíz Vázquez Taín e polo escritor Pedro Feijoo.

Así o anunciou Gerardo Seoane, alcalde de Verín, este xoves na Biblioteca de Verín, acompañado polos seus responsables, Vicente Rodríguez e Aurora Prieto. O rexedor municipal quixo felicitar aos organizadores "por dar continuidade a esta proposta que xa é un dos eventos máis importantes da completa axenda cultural verinesa", realizando un chamamento aos amantes deste xénero negro e policíaco a achegarse a vila do Támega para desfrutar desta programación de "primeiro nivel".

Esta quinta edición leva por título "Back in Black", que vén a indicar que, un ano máis, Verín volta ao negro pero esta vez cunha unión especial ao mundo da música. "Varios dos autores que participan nas xornadas ao mesmo tempo teñen ou tiveron unha gran relación coa música de xeito profesional ou nas súas obras literarias", explicou Seoane. 

Participación de profesionais

Como nas edicións pasadas, as conferencias serán presentadas por voluntarias da Biblioteca de Verín, "buscando dar maior participación e visualización do proxecto, que nesta ocasión correrán ao cargo de Ana García, Sofía Lorenzo e Sara Blanco. Tamén presentarán aos autores Noelia Gallego, Lorena Carnero e Inés García", destacaron os organizadores do evento.

As xornadas serán coordinadas e dirixidas por Vázquez Taín e contarán con profesionais especializados na materia. Os escritores que formarán parte do programa son Sara Vila, Pedro Feijoo, Mikel Santiago e Xoán Tallón. Pola súa banda, os relatores deste mundo profesional serán José Luis Ferreiro, sarxento primeiro da Garda Civil e especialista en Policía Xudicial; María Berta Rodríguez, médica forense; Fernando Serrulla, o forense e colaborador habitual da Biblioteca; o verinés Enrique León, excomisario de Vilagarcía; Miguel Losada, outro colaborador da Bilbioteca e que terá a labor de dirixir as mesas de debate, e o xuíz Vázquez Taín. 

Como broche final desta festa literaria organizarase un concerto de rock no pub Revólver, onde se xuntará o escritor-músico Pedro Feijoo con Roberto González, profesor de música e colaborador da Biblioteca. 

Así, a V edición das Xornadas de Novela Negra transcorrerán dedicadas á Lolita Castro, voluntaria da Biblioteca de Verín que faleceu recentemente. 

Te puede interesar