A crise e os seus retos

Os últimos dados oficiais reflicten un moderado aumento do desemprego rexistrado nas oficinas de colocación, pouco máis de 160.000 persoas, arredor dun 12% da povoación activa. Porén, non podemos ignorar que a cifra total é moi alta en comparación cos estados e autonomías do noso entorno.
A Xunta prefire utilizar os dados da EPA que rebaixan o número a uns 100.000 desempregados, aínda que ninguén sabe como as enquisas chegan a esta cifra que garda unha enorme diferencia co paro rexistrado, ou sexa, aquel que existe con nome e apelido. Sen dúbida o aumento nos últimos anos dos afiliados á Seguridade Social, e unha economía expansiva, contribúe a manter e alentar o optimismo, tampouco se pode esquecer que hai un interese partidista en presentar unha visión triunfalista sobre a xestión en materia de emprego.

Analizo este tema porque teremos que estar moi atentos á crise económica, e a cantas son as empresas que pechan ou se dislocan; mais tamén estudar como se desenvolve. Primeiro, porque vai afectar negativamente o emprego, así como as condicións e as relacións laborais. Seria de ilusos non ter en conta que a gran patronal vai querer transferir o custe da crise aos traballadores e ás zonas máis periféricas e dependentes, como xa fixo noutras ocasións. E esto é moi preocupante nun país como o noso, cunha taxa de paro tan alta, no que emigran cada ano entre 15 mil a vinte mil mozos e mozas, mentres outras 45 mil persoas vanse como as anduriñas temporalmente, e existe un tecido productivo hoxe en boa medida en maus foráneas. Ademais, dentro da nosa nación temos salarios baixos, moita eventualidade, e xornadas de traballo extremadamente longas.

O segundo aspecto a termos en consideración é que esta crise (en principio do sector inmobiliario) dáse ao mesmo tempo que na principal potencia mundial, nunha etapa de globalización da economía, e cunha balanza comercial deficitaria e un euro moi alto. E, en terceiro lugar, non se pode esquecer que non só están aumentando os prezos da enerxía, senón que os recursos son cada vez máis escasos, e aínda non existen enerxías alternativas capaces de substituír a época do petróleo barato e inagotabel. E, en cuarto lugar e como derradeiro aspecto, non debemos ignorar que o ecosistema está gravemente danado, e que se deben tomar medidas axiña se non se quere que sexa irreversíbel; e esto cuestiona o modelo económico actual, baseado no consumismo e na utilización abusiva do transporte, da auga, das materias primas, etc.

A Xunta de Galiza, mesmo desde os escasos recursos e da dependencia evidente xa que as políticas macro se marcan desde Madrid, ten a obriga de enfrontar esta crise non só mediante á construción de infraestructuras públicas –máis cemento e destrución da biodiversidade- senón de apostar por un modelo de desenvolvemento que se sustente no tempo. O esgotamento de recursos enerxéticos vai a frear a economía de escada, e polo tanto o proceso de globalización, a comercialización de bens de consumo e materias primas, porque o prezo dos combustíbeis fará non rendíbel a venda a grandes distancias.

Por estas razóns compre ver ao lonxe, e daquela ordenar o territorio tendo en conta a necesidade de concentrar a povoación dacordo coa nosa realidade xeográfica, histórica e de hábitat actual; investir en investigación e tecnoloxía, tanto pra desenvolver novas fontes de enerxía como pra aforrar; e entender que a produción alimentar nesta etapa é máis estratéxica que nunca antes. Agora ben, apostar por outro modelo de desenvolvemento implica a complicidade da povoación, meter o tema no debate da evolución histórica, da identidade colectiva (cultura, lingua, patrimonio), ou sexa: de sabermos de onde vimos, que somos e que queremos. Non se pode avanzar sen coñecer o pasado, sen proxecto colectivo.

Te puede interesar