CASO PACHI VÁZQUEZ

O PSOE acusa a Marnotes de ocultar documentos do caso Pachi Vázquez

uploaded_socialistas_result
photo_camera Os concelleiros socialistas Francisco Fumega e Adolfo Nogueira, onte no Concello do Carballiño.

O alcalde négao e di que aporta ao TSXG a documentación requerida

O grupo municipal do PSdeG do Carballiño acusa ao alcalde, o popular Argimiro Marnotes, de mentir sobre a documentación remitida dende o Concello ao TSXG (Tribunal Superior de Xustiza de Galicia) en relación ao procedemento que se segue contra o exalcalde Pachi Vázquez e outros concelleiros sobre a contratación de traballadores hai máis de 10 anos. Os concelleiros Francisco Fumega e Adolfo Nogueira aseguraron ter constancia de que nos últimos días se remitiron ao TSXG máis de 1.000 expedientes daqueles contratos, "co cal se demostra que no arquivo municipal había moita máis documentación da que se recoñecía por parte das autoridades", sinalan.

Os socialistas reclaman ó alcalde que facilite copia do rexistro do concello no que figuran estes documentos e unha explicación sobre o ocultamento da súa existencia no arquivo municipal. Demandan tamén explicacións sobre a tardanza na remisión destes documentos ao TSXG e esixen información sobre os requerimentos do Tribunal para que se lle remitira documentación dos contratos laborais.

Argimiro Marnotes sale ó paso e puntualiza que "dende este concello estase a aportar toda a documentación que se solicita dende o Tribunal, algo para o que dispuxemos unha reorganización do persoal co obxecto de axilizar ó máximo estes requirimentos, que en moitos casos están entorpecendo o día a día da administración municipal”. Engade que "nin por parte do alcalde nin por ningún concelleiro se ocultou, manipulou e nin sequera se analizou a documentación solicitada e enviada. Cumpre recordar que a documentación que pediu o TSXG non é a mesma que pedira no seu día á Fiscalía, e que, non por ser gran cantidade de papel, ten porque demostrar a inocencia de Vázquez, e que incluso pode ser indicativa de todo o contrario".

Te puede interesar