Unha andaina reivindica os dereitos das persoas celíacas

A conmemoración do Día das Letras Galegas (17 de maio) e do Día Nacional dos Celíacos (27 de maio) irmana a Asociación de Celíacos de Galicia (Acega) coa Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro) na organización da primeira edición dunha andaina de 'convivencia sen gluten' por terras da comarca do Carballiño.
Esta ruta, de seis quilómetros de lonxitude, celebrarase hoxe con saída ás 11,00 horas dende a localidade de Madarnás, onde previamente seralle entregado o avituallamento correspondente e un agasallos ós participantes.No percorrido descúbrense os petroglifos sitos na Costa, entre os municipios do Carballiño e O Irixo, e unha panorámica da vila do Arenteiro, ata chegar ó Monte da Madanela, a 900 metros de altitude, no que se celebrará o xantar, ó fío das 13,30 horas.


CONVIVENCIA

Con esta andaina conxunta de Femuro e Acega, 'ademais de dar a coñecer a problemática das familias na que algún dos seus membros ou todos son celíacos, preténdese ó mesmo tempo poñer en valor o rural galego, mantendo unha xornada cultural, lúdica e de convivencia', sinala Alicia González, educadora da federación. As persoas que cheguen dende a cidade, terán á súa disposición na Madalena un autocar para o retorno.

Te puede interesar