Unha tarxeta dará acceso ós veciños con garaxes e ós hosteleiros

O barrio de Flores será peatonal neste verán

Un espazo do casco histórico de Florez, xérmolo da vila do Arenteiro. (Foto: JOSÉ PAZ)
Os veciños do barrio de Flores, que deu orixe á vila do Arenteiro, celebrarán na noite de hoxe a súa festa de San Xoán, con sardiñada e chourizos, para rematar cunha procesión e unha queimada. Coincidindo co solsticio de verán, tamén poden comprobar como xa comezaron as obras de instalación dos pivotes que pecharán as súas rúas ó tráfico rodado.
Operarios da brigada municipal adicaranse nesta semana a esta tarefa, promovida pola Concellería de Tráfico e respaldada polas sinaturas que veciños e hosteleiros da zona entregaron hai catro anos no Concello.

O obxectivo desta reforma é permitir a libre circulación de peóns, evitando así o colapso circulatorio actual, onde os vehículos estacionados impiden o paso ós que tentan acceder á antiga estrada de Ourense ou á actual N-541. O alcalde, Carlos Montes, sinala que 'os automobilistas teñen agora a oportunidade de utilizar a rúa Alexandre Bóveda nos dous sentidos, é dicir, de entrada ó casco urbán pola rúa San Cibrao, ou de saída cara ó enlace da autovía'.

O Concello está a espera de recibir as tarxetas electrónicas que se entregarán ós propietarios de garaxes de Flores para que poidan franquear os dispositivos de peche ó tráfico, que tamén posuirán os hosteleiros do barrio, co gallo de facilitar o paso ós seus provedores. O investimento neste plan de peatonalización ronda a cantidade de 10.000 euros.

Te puede interesar