política

O BNG reclama máis atención ó Camiño da Prata por Oseira

oseira
photo_camera O albergue do mosteiro de Oseira.
Dende o grupo municipal sinalan que ante a proximidade dun novo Xacobeo, urxe outorgar o maior recoñecemento oficial posible

O grupo municipal do BNG de San Cristovo de Cea propón á Corporación que inste aos organismos relacionados co Camiño de Santiago para que os tramos da Ruta da Prata entre Ponte Vella - Costiña de Canedo - Liñares - Mandrás - Casanovas - Cea - Silvaboa - Pieles e Oseira sexan "sinalizados correctamente, recoñecidos como pertencentes ao Camiño de Santiago a todos os efectos e aparezan indicados como tales en todas as guías e folletos informativos, particularmente nos oficiais". Sinala este grupo da oposición que coa proximidade dun novo Xacobeo e a posibilidade dun novo albergue en Oseira, é necesario que a ruta Cea - Silvaboa - Pieles - Oseira figure en todas as guías, sexa recoñecida a todos os efectos e goce de toda a atención, difusión e recoñecemento oficial posible. Matizan os concellerios que á saída de Cea  existen dúas posibilidades, a máis curta por Piñor-Dozón, presente en todas as guías e considerada como ruta "oficial" na web "caminodesantiago", e outra por Silvaboa - Pieles - Oseira, mencionada nesa web como secundaria.

Engaden que o mesmo sucede co tramo Costiña de Canedo - Liñares - Mandrás - Casasnovas, na que o esquecemento oficial obriga incluso a depender de voluntarios como os Amigos do Camiño para desbrozalo e permitir o tránsito.

"Ambos supoñen para o concello de Cea un patrimonio cultural inestimable e unha fonte de ingresos valiosísima, polo que requiren da máxima atención por parte de todos os organismos, en particular do propio concello", sinalan.

Te puede interesar