O Carballiño acolle un roteiro dramatizado de Pardo Bazán

Os intérpretes do roteiro.
photo_camera Os intérpretes do roteiro.

Máis de medio centenar de persoas asistiron onte a un roteiro en O Carballiño sobre unha lectura dramatizada da novela “El Cisne de Vilamorta” de Emilia Pardo Bazán, nunha adaptación ao galego do historiador Carlos Montes. Este escritor efectuou unha introdución sobre os personaxes e lugares da novela, coincidentes con personaxes, prazas e edificios da vida real a finais do século XIX na vila carballiñesa. A lectura correu a cargo do grupo de teatro Dar Trela. 

Foron seis episodios os que se leron neste roteiro cultural, comezando e rematando na Praza dos Irmáns Prieto, tras percorrer a rúa do Paseo, o Casino, a Praza Maior e a fonte do Concello. “Nestes episodios cobran protagonismo algúns políticos, comerciantes e profesionais carballiñeses daquel tempo do último terzo do século XIX, así como determinadas costumes da vila, como a celebración das Festas do Setembro, e a solta do globo e os fogos de artificio na Praza Maior”, explicaron dende a organización. 

Un roteiro organizado polo Centro de Estudos Chamoso Lamas en colaboración co Concello de O Carballiño e Dar Trela Teatro. Dende o ente municipal aseguran que este roteiro terá continuidade no futuro coa representación da totalidade da obra.

Te puede interesar