A edil de Cultura do Carballiño defende a súa profesión fronte ás críticas do PP

A anterior concelleira de Servizos Sociais do Carballiño, Asunción Rivero, agora responsable municipal de Educación e Cultura, saiu ó paso das críticas verquidas polo voceiro ‘popular’ na corporación, Argimiro Marnotes, encol do contrato que aquela posúe como asesora dunha asociación de mariscadores das Rías Baixas. O tamén presidente comarcal do PP sinalou que ‘é imposible que a edil socialista desempeñe esta laboura cando pasa todo o día na Casa do Concello’.
Asunción Rivero tomou estas declaracións de Marnotes ‘coma un recoñecemento ó desempeño do meu traballo municipal, que estou a facer de xeito gratuito e que non repercute nos petos dos veciños’. A concelleira de Cultura engade que ‘o que máis me molestou é que o voceiro do PP poña en dúbida a miña tarefa profesional, xa que ademais de avogada teño masters en desenvolvemento rural e planificación urbanística’. Asunción Rivero invitou a Marnotes -actual xerente de Xestur Ourense- ‘a levantarse do seu sillón e comporbar nos arquivos do seu departamento os traballos nos que participei porque non ten que ir moi lonxe’.

Iniciativas

A edil do PSOE lembrou que ‘mentres o señor Argimiro sábese de quen é fillo, eu son filla dun granxeiro e dunha carniceira e fun criada no barrio carballiñés de San Benito, e fixen a carreira de Dereito cando xa estaba casada e con fillos’. Asunción Rivero preguntouse ‘se esta é a oposición constructiva que anunciaron os do PP, cando deberían estar pensando en iniciativas e proxectos para o pobo do Carballiño’.


Te puede interesar