Unhas xornadas culturais anticipan a celebración gastronómica, prevista para o domingo 15 de marzo

A ‘Festa do Porco Celta’ acada a súa terceira edición en Beariz para a declaración turística

Unhas cociñeiras preparan chuletóns de porco celta, na edición  anterior da festa.  (Foto: Martiño Pinal)
Os organizadores da ‘Festa do Porco Celta’ de Beariz confían no mantemento deste evento a fin de conquerir a súa declaración de ‘interese turístico galego’. A terceira edición celebrarase o vindeiro 15 de marzo coa novidade de introducir unhas xornadas culturais previas, onde haberá música, teatro e divulgación das explotacións adicadas á cría desta especie autóctona. Xosé Balboa, coordenador do festexo, adianta que ‘a previsión é superar os 700 comensais do ano pasado e uns 100 postos de artesanía’.
O programa da ‘Festa do Porco Celta’ de Beariz inclúe este ano unhas xornadas culturais que se desenvolverán os días 12, 13 e 14 de marzo, con música, teatro e promoción das explotacións gandeiras, anticipando a celebración da terceira edición do evento, prevista para o domingo15 do mesmo mes.

Neste sentido, Xosé Balboa, voceiro da sociedade agraria Oural e coordenador do festexo, apunta que ‘para esas datas imos concretar as actuacións da Coral Polifónica do Casino e o grupo afecionado de teatro ‘Tiruleque’, ámbolosdous do Carballiño’. Ademais, o salón de actos do colexio público de Beariz acollerá tamén a charla dun representante da Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta (Asoporcel), ‘a fin de achegar ós asistentes a historia do porco celta e as explotacións que -como a nosaforon postas en marcha en Galicia’.

Atractivo A festa voltará a encher o pavillón polideportivo municipal, cunha previsión de superar os 700 comensais do pasado ano, ‘e seguir mantendo unha asistencia fidel que nos permita conquerir a medio prazo a declaración de interés turístico galego, que xa estamos a tramitar ante o Inorde e a Xunta, porque a festa xa dispón dun rexistro oficial’, sinala Xosé Balboa. O atractivo gastronómico virá dado de novo por un menú composto por carne e embutidos de porco celta en empanada, chourizos con cachelos e chuletón á brasa, acompañados polo pan típico de Beariz, viño do Ribeiro, postres e licores.

‘O prezo das entradas ó recinto oficial vai se-lo mesmo da edición anterior, 20 euros, tendo en conta a crise económica que estamos a rexistrar’, indican dende a organización. Ademais, a festa de exaltación tamén acollerá a un cento de artesáns das comarcas do Carballiño, O Ribeiro, Terra de Montes e doutras localidades galegas, que ocuparán as beiras dun paso habilitado polo Concello de Beariz para entrar no pavillón.

Homenaxe A organización tamén ofrecerá un recoñecemento a aquelas institucións públicas e privadas que ‘contribuiron coas súas axudas a desenvolver unha iniciativa pioneira nas nosas terras, a cría de porcos celtas en espazos abertos e en contacto directo cos carballos e castiñeiros que lles proporcionan de xeito natural a súa alimentación diaria’, anunciou Xosé Balboa.


Te puede interesar