As plataformas contra a planta do Irixo manterán contactos cos candidatos á presidir a Xunta

Os opositores á incineradora instan ós partidos a rexeitala

Unha das mesas de recollida de sinaturas contra a incineración, na pasada feira do Carballiño. (Foto: MARTIÑO PINAL)
O modelo da queima de residuos orgánicos para a súa eliminación definitiva xa está caduco, según os opositores á planta de tratamento para o sur de Galicia, que promoveu a empresa Estela Eólica para ubicala en montes comunais do municipio de O Irixo. Por elo, os representantes das plataformas 'Incineradora no Irixo, non' e 'Incineradora, non', do Carballiño, e 'Incineradora no Deza, non', desta comarca pontevedresa, plantexarán ós candidatos á presidir a Xunta que inclúan nos seus programas electorais o rexeitamento da incineración coma proceso principal á hora de eliminar o lixo.
As agrupacións carballiñesas e dezana instalaron, na mañá de onte, unha mesa na Praza Maior do Irixo para a recollida de sinaturas a favor da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que será presentada no Parlamento galego, e que reivindica a reducción, reciclaxe e reutilización, e a compostaxe dos residuos coma a mellor fórmula para solucionar o problema actual da planta de Sograma.


SINATURAS

Segundo indicaron fontes da Federación Ecoloxista Galega (FEG), que integra a meirande parte das asociacións en defensa do medio ambiente, o número de sinaturas recollidas xa supera as 5.000 en toda Galicia, é dicir, un tercio das necesarias para validar a tramitación da iniciativa parlamentaria. Xosé Manuel López, voceiro da plataforma 'Incineradora no Deza, non', que onte estivo presente no Irixo, suliñou que 'o modelo que está a seguir o Goberno autonómico hai que modificalo, xa que tan só unha pequena porcentaxe de lixo se recicla'.

Deste xeito, os representantes destes colectivos iniciarán contactos con Alberto Núñez Feijóo, do PP; Pachi Vázquez, do PSdeG-PSOE, e Francisco Jorquera, do BNG, así como co resto de candidatos á presidir o Goberno galego logo das eleccións do 21 de outubro, para que se posicionen en contra da incineración. López advirte que 'a postura a favor ou en contra é unha decisión que debe tomar cada partido, e nós explicarémoslles ós cidadáns galegos cal foi'.

Inicialmente, tanto PSdeG coma BNG xa subscribiron un documento de apoio á ILP, unha iniciativa que será presentada, unha vez se complete o número de sinaturas, ante os deputados do novo Parlamento. Nesta mesma semana, os voceiros socialistas nas Corporacións municipais da comarca carballiñesa instaron ó actual Goberno da Xunta que manifeste claramente a súa postura definitiva encol do proxecto da planta de residuos para O Irixo.

Os representantes do PSdeG nos concellos indicaron que 'ten que rematar o clima de tensión e enfrentamentos entre veciños do Irixo pola ubicación da incineradora'. Un proxecto que aínda se atopa en fase de avaliación polos técnicos da Consellería de Industria.

Te puede interesar