A Praza Maior despediu a rodaxe de “Malencolía”

Onte foi o último día da rodaxe na comarca do Carballiño, despois de estar na aldea da Fraga do Irixo e na localidade de Seoane

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou no Carballiño a rodaxe do filme “Malencolía”, do director Alfonso Zarauza, producido por Maruxiña Film Company, realizado integramente en galego e que conta co apoio da institución provincial. Trátase da sexta longametraxe de Zarauza, quen rematou onte a súa rodaxe na comarca do Carballiño, con localizacións como a aldea A Fraga e o cimiterio da Cidá, en O Irixo, e a Taberna do Elixio na localidade carballiñesa de Seoane, ademais dunha céntrica terraza da vila e o interior da Casa do Concello. Un filme no que o director se adentra por primeira vez no xénero do terror, aínda que repite con boa parte do equipo técnico e artístico da súa última película, “Ons”.

Manuel Baltar avanzou que a película “estrearase na 26ª edición do Festival de Cine de Ourense”, remarcando “a aposta da Deputación por facer do noso territorio provincial un excelente plató para a produción audiovisual, nun ano de recuperación económica pero tamén ano de Ourense, terra de cine, coa estrea de “Cuñados”, que se está a converter nun éxito no ámbito nacional e coa próxima estrea -o 16 de agosto- de “Live is life”, de Dani de la Torre, tamén rodada en Ourense”.

Entre os actores  destacan os protagonistas, Melania Cruz e Xúlio Abonjo, que interpretan a Sira e Pepe, unha parella que decide comezar unha nova vida nunha aldea abandonada logo de botar moitos anos emigrados en Berlín. Chegados á aldea descobren con sorpresa que a única casa con vida está habitada por Isolina, que interpreta Iolanda Muiños. Completan o reparto Diego Anido, Marta Lado, X. A. Touriñán, Ricardo de Barreiro, Ledicia Sola, Tito Asorey e Deborah Vukusic. Zarauza trata o xénero do terror partindo da rica tradición galega oral e literaria para engadir elementos do estilo americano. Para abordar esta mestura de xéneros botou man de Elia Robles na dirección de arte, Alberte Branco na de fotografía, Tamara Soto na dirección de produción ou Fernando Alfonsín.

Te puede interesar