Entre as restriccións destaca o uso de vehículos e a plantación de especies vexetais foráneas

O Puzo do Lago xa conta cun plan de conservación natural

 (Foto: Martiño Pinal)

O Consello da Xunta aprobou o Plan de conservación do Espazo
Natural de Interese Local (ENIL) Puzo do Lago, situado no Concello de Maside, que se converte no primeiro declarado definitivamente na provincia de Ourense e no terceiro en Galicia tras o de Xunqueira de Alba (Pontevedra) e Loio-Ruxidoira, de Paradela (Lugo).

O interese natural do ENIL Puzo do Lago radica na súa diversidade vexetal, con especies autóctonas que, xunto co resto de fauna, flora e patrimonio arqueolóxico, entre outros aspectos, configuran un conxunto paisaxístico de 30,60 hectáreas merecedor dunha protección especial que o ampare e o conserve, ademais de rexenerar os elementos degradados pola actividade humana, segundo sinala a Administración autonómica.

Entre os valores naturais deste espazo destacan unha lagoa artificial que representa un importante ecosistema de humidal conservador; a presenza da vexetación máis característica de Galicia, a carballeira atlántica; é unha área arqueolóxica, ao albergar un exemplo de explotación mineira da época romana.
Tendo en conta estes aspectos naturais, culturais, estéticos e científicos do lugar, o Goberno autonómico aprobou este documento co fin de establecer un modelo de xestión que alcance os obxectivos de conservación e faga compatibles os usos tradicionais e públicos.

O alcalde de Maside, Celso Fernández, considera que este plan consolida defintivamente O Puzo do Lago como Espazo Natural de Interese Local. 'Aínda que é só de interese local entra dentro da rede de espacios protexidos polo que pode beneficiarse de axudas para a súa conservación e posta en valor', indicou o rexidor.
As algo máis de 30 hectáreas protexidas abarcan maioritariamente terreno público e un campo de golf privado, ademais dunhas poucas fincas particulares. Esa zona xa era de protección rústica polo que non se podía construir, pero agora con este plan tampouco se poderán plantar especies arbóreas foráneas e os propietarios terán que ir talando as árbores que non sexan autóctonas paulatinamente.

Por outra parte, quedan prohibidos os vehículos a motor baixo denuncia por un delito medioambiental. Ademais, sinalou Celso Fernández que se irán erradicando as carpas que poblan o puzo e se plantexará un programa formativo sobre a preservación das especies autóctonas en conxunto con responsabeis do campo de golf

Te puede interesar