A querela dos xestores da canceira foi arquivada

A Audiencia Provincial de Ourense vén de arquivar, de maneira definitiva, a querela que o grupo ecoloxista 'Outeiro' tiña presentada contra as asociacións 'Matar por matar, non' e Adega por supostas calumnias encol da xestión do primeiro colectivo na canceira municipal do Carballiño.
As dúas asociacións fixeran público o estado de abandono, suciedade, falta de hixiene e deficiencias que presentaba a gardería canina, asegurando que non fora acondicionada a pesares das subvencións (uns 250.000 euros) que se destinaron na época en que Outeiro era responsable da mesma.

Os avogados de 'Outeiro' recurriran ante a Audiencia o auto do Xulgado de Primeira Instancia número un do Carballiño polo que se decidía o arquivo da querela, pero o órgano xudicial provincial decidiu agora ratificalo. No mesmo Xulgado seguen abertas na actualidade as dilixencias da denuncia de 'Matar por matar, non', Adega e 'Amigos da Terra' contra o Concello do Carballiño pola aparición, en marzo de 2009, de 70 animais mortos na canceira.

Te puede interesar