A Confederación tramita unha nova adxudicación da limpeza

A retirada de amieiros do río foi suspendida

Amieiros secos caídos sobre o cauce do tramo urbán do río Arenteiro. (Foto: MARTIÑO PINAL)
O remate do contrato que mantiña a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil coa empresa Tragsa, que levaba a cabo a limpeza do río Arenteiro no Carballiño, motivou a suspensión dos traballos o pasado 23 de decembro. O obxectivo da concesión era ó de retirar do cauce do río os amieiros que secaron ó estar afectados por hongos nun tramo aproximado de tres quilómetros.
Nembargantes, ós operarios só lles deu tempo de acometer o traslado das árbores que se atopaban na zona colindante ó paseo peatonal do Parque municipal, entre a ponte da Toscaña e a pasarela ubicada perto da piscifactoría da Xunta. 'Dende a Confederación non nos avisaron de que se paralizaban os traballos, e aínda quedan dous quilómetros de cauce sen limpar', subliñou onte o concelleiro de Medio Ambiente, Bernardo García.

Foi precisamente este departamento municipal o que se puxo en contacto co organismo de xestión da conca para que se retirasen uns 1.000 amieiros, 'xa que moitos exemplares desta especie invadiron as presas co risco de desbordamento do río, como ocurreu a pasada semana polas fortes choivas, e outros están varados nalgunhas pontes coa amenaza de afectar á estructura destas' indicou o edil nacionalista.

Fontes da Confederación Hidrográfica apuntaron que 'nestes intres estáse a tramitar a convocatoria dunha nova adxudicación do contrato de limpeza do Arenteiro, de xeito que a empresa que leve a concesión tamén levará a cabo a retirada das árbores secas no cauce do río Avia'. No caso deste río, os grupos ecoloxitas detectaran un milleiro de amieiros secos no tramo comprendido entre Leiro e Ribadavia.

Te puede interesar