Roberto Mera e Santiago Lopo, premios Antón Losada

O xurado do premio Antón Losada Diéguez.
photo_camera O xurado do premio Antón Losada Diéguez.
O xurado destaca a calidade das obras nesta 37 edición, 23 de creación e 11 de investigación

O xurado do Premio Antón Losada Diéguez, reunido onte no Concello de Boborás, a quen lle corresponde este ano a organización do certame que comparte alternativamente co do Carballiño, e despois dun intenso debate dada a calidade das obras presentadas, decidiu por maioría conceder o galardón dentro da categoría de Investigación e Ensaio a obra “Alejandro Viana. Un galego a fronte do rescate dos refuxiados republicanos”, do que é autor Roberto Mera Covas, e que foi publicado pola editorial Belagua Ediciones. 

En canto á modalidade de Creación Literaria a obra premiada foi “A carteira”, do escritor Santiago Lopo, publicada por Editorial Xerais.

Sobre “Alejandro Viana. Un galego a fronte do rescate dos refuxiados republicanos”, o xurado refírese “a recuperación e investigación minuciosa sobre un persoeiro pouco coñecido para o gran público, que desenvolveu un labor importante na recuperación da dignidade dos refuxiados españois perdedores da guerra e da súa evacuación a América cunha ética estrita e participou na súa evacuación”.

En relación a obra “A carteira”, sinala o xurado que “Trátase dunha visión das dúas primeiras décadas do século XXI tanto a nivel de traballo como de relacións personais e a transformación da paisaxe urbana. A perspectiva de chegar aos seus personaxes a través do seu comportamento. A temática do fondo social, a soidade e a presenza do considerado marxinal. Ten unha dinámica de movemento continuo con certo sentido do humor, e é unha obra de lectura sinxela”.

O xurado na acta insiste en que quere destacar a alta calidade das obras que optaron a este premio nesta XXXVII edición, e que foron 23 de Creación Literaria e 11 na categoría de Investigación e Ensaio.

Roberto Mera Covas exerce como abogado, é politólogo, e tamén tenente alcalde en Ponteareas, lugar onde naceu. “Estou contentísimo, non só polo premio senón tamén porque vai contribuir a dar a coñecer a figura do meu tío bisavó. O libro é unha pequena parte da súa biografía, fundamentalmente entre os anos 1939 e 1941, durante a guerra civil e o seu exilio en Francia onde axuda aos refuxiados con alimentación, roupa, sanidade, albergue e dos embarques de 17.000 persoas cara América”. A historia remata no 1952, cando chega a México.

É o primeiro libro de Roberto Mera e que se traducirá a castelán a petición da editorial. O autor proyecta continuar coa historia do seu antepasado centrada noutras etapas da súa vida, cando foi deputado, empresario e alcalde de Vigo, antes de 1936.

Santiago Lopo é un consagrado escritor, que entre outros galardóns xa recibiu o Premio Xerais no 2017 por “A arte de trobar”. Natural de Vigo, reside en Pontevedra, onde da clase de francés na Escola de Idiomas. “É un premio moi importante e non hai máis que ver todos os autores e investigadores que participaron e a lista de premiados”. A novela trata dunha moza que está no paro e acepta un contrato temporal como carteira nunha cidade que non coñece. “É unha crítica aos traballos precarios, que non lles permite ter unha planificación na súa vida”, afirma o autor, matizando que para elo “documenteime para coñecer o día a día dunha profesión moi dura”.

O Premio Antón Losada Diéguez está organizado polos concellos de Boborás e Carballiño, contando coa colaboración económica da Deputación provincial de Ourense. O premio é de 12.000 euros, a repartir entre os gañadores das dúas modalidades.


 

Roberto Mera Covas

Escritor e avogado

"Estou contentísimo, o premio vaille dar máis proxección á figura do meu tío bisavó e a súa obra"

 

 

Santiago Lopo

Escritor e profesor de francés

"Síntome moi honrado porque é un premio moi importante no mundo cultural"

Te puede interesar