Castrelo colabora na organización de eventos para atraer visitantes ó municipio

O Concello de Castrelo de Miño, ante a situación de crise xeral, está a colaborar na organización de diversos eventos que acheguen visitantes ata o municipio co fin de dinamizar a economía de comerciantes e hosteleiros.
Deste xeito, iniciaba o programa o pasado 28 de abril, que se prolongará ata o 30 de xuño. 'Nove eventos en nove fins de semana consecutivos', sinala o alcalde, Xurxo Rodríguez, referíndose a probas de ciclismo de montaña, de triatlón, natación, cross, unha andaina, concentración de coches clásicos e exposición de coches tuning, campionatos internacionais de remo olímpico, carreiras de coches e campionato de ciclismo de carretera, ademáis da feira.

O Concello calcula que estas actividades atraen ó municipio a máis de 10.000 persoas entre participantes, acompañantes e público en xeral. Para elo, ademais dos preparativos para a organización de cada iniciativa, as autoridades locales vense obrigadas a reforzar algúns servizos como o da limpeza, ademais de contar con 30 voluntarios de Protección Civil, que colaboran para que todo se desenvolva adecuadamente.

Entre as actividades que están pendentes ata finais de xuño, destacan a do 17 de maio, coa III Andaina Solidaria da Cruz Vermella do Ribeiro; tamén para o 26 deste mesmo mes, e coincidindo coa feira, realizarase a I Xuntanza de Tuning e coches clásicos.

Sendo Castrelo de Miño un dos tres lugares do estado que dispón dunha pista olímpica de remo, abre este ano a temporada cunha importante proba internacional, que se celebrará os días 7, 8 e 9 de xuño. Trátase da Copa Ibérica de Remo Olímpico, que achegará a deportistas e visitantes de España e Portugal. Para o 16 de xuño, e por primeira vez, este municipio tamén será punto de saída e meta do Campionato de Ciclismo da Península Ibérica 2013.

Por todo elo, o rexidor municipal considera que se están cumplindo obxectivos, e que 'Castrelo de Miño consolídase como a sede ideal para a organización de eventos e competicións deportivas', engadindo que 'é o lugar escollido por múltiples organizadores para a realización dos seus eventos'.

Te puede interesar