Castrelo despide o ano cunha carreira e unha festa popular

A celebración da XIII Carreira Pedestre de San Silvestre do Concello de Castrelo de Miño, prevista para o próximo sábado 31 de decembro, obriga a cortar a circulación da estrada OU-402, de Ourense a Cortegada, dende as 16,00 ata as 18,30 horas, no tramo entre Santo Estevo e A Ponte. Con tal motivo, o Concello publicou nestes últimos días un bando para advertir ós veciños de que non utilicen esa estrada mentras dure a proba.
A esta tradicional carreira hai que engadir outras actividades programadas con motivo da celebración do Nadal neste municipo. Deste xeito, para o sábado, a partires das 00,30 horas, os veciños de Castrelo están convidados a compartir a saída do ano e a entrada do 2012, no centro de día de Castrelo de Miño, en Vide. Haberá música, baile, cotillón,cava e chocolate con churros, segundo apuntan as autoridades municipais.

Finalmente, para o seis de xaneiro está previsto que os Reis Magos visiten Castrelo de Miño en catro maxestuosas carrozas. Entrarán en Castrelo de Miño, desfilando dende Santa María ata o pavillón municipal do colexio, en Astariz, onde recibirán a todos os nenos e lles entregarán agasallos a cada un deles. O Obradoiro de Teatro Municipal de Castrelo de Miño, formado por veciños e veciñas, representará a primeira obra de teatro da temporada 2012. Ao remate haberá festa.

Te puede interesar