Teatro

Concepción Arenal inspira as "Fábulas da Montaña”

Representación de “2pilgrims” de Redrum Teatro, onte no Auditorio Manuel María (MARTIÑO PINAL).
photo_camera Representación de “2pilgrims” de Redrum Teatro, onte no Auditorio Manuel María (MARTIÑO PINAL).
A compañía ourensá Sarabela Teatro celebra o seu 40 aniversario con “A lingua das bolboretas”

A compañía ourensá Sarabela Teatro presenta hoxe na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia a exitosa obra “A lingua das bolboretas”, da que é autor o escritor Manuel Rivas. A dramaturxia e dirección están a cargo de Gonçalo Guerreiro, e figuran como interpretes Elena Seijo, Josito Porto, César Goldi, Fernando Dacosta, Fran Lareu, Sabela Gago e Fina Calleja. Será ás 23,00 horas no Auditorio Rubén García, no castelo.

Trátase da cuarta colaboración desta compañía co autor, despois de “O lapis do carpinteiro”, “O heroe” e “Os libros arden mal”, que foi unha lectura dramatizada. Se con “O heroe”, Sarabela Teatro celebrou os seus 25 anos, con “A lingua das bolboretas” celebra o 40 aniversario.

A compañía Larraitz Urruzola Producións Artísticas presentou onte en San Cristovo o seu espectáculo de títeres “Fábulas de Montaña”, que hoxe se poderá ver na praza da Franqueirá, ás 21,00 horas. Larraitz Urruzola e Merran Laginestra son os interpretes dirixidos por Ignacio Vilariño, que tamén é autor do libro que leva o mesmo título, e que se presenta ao remate da función. 

“A obra está basada nas Fábulas en verso orixinais de Concepción Arenal, foi o seu primeiro libro editado, que daquela tivo acollida nas escolas, pero que pola súa lenguaxe ardua, con fábulas demasiado extensas para os nenos, foi retirado”, apunta Ignacio Vilariño. A súa versión recupera ese texto e faino máis asequible, tendo como protagonistas aos animais da montaña de Cantabria como o oso, o lobo e os cans.

Así, a obra teatral transmite “as leccións didácticas que quería dar Concepción Arenal, ademais da biografía da súa mocidade”, explica Vilariño. Desta maneira aborda “a autonomía e a independencia da muller, tendo en conta que ela rompeu con todo indo naqueles tempos a universidade, publicando libros, e poñéndose ao par dos homes co seu discurso e o seu pensamento”, engade o director. 

Larraitz Urruzola interpreta a Concepción  Arenal, que cos títeres na súa saia-teatriño presenta momentos da súa mocidade e as súas fábulas. Merran Laginestra, no papel
de amiga da escritora, interpreta en directo temas populares e de Marcial de Adalid, compositor galego coetáneo da ferrolá e alcumado “O Chopin Español”.

Previamente, ás 20,00 horas, na Igrexa da Madalena, está previsto “Os actos da inercia”, de Javier Martín (Galicia), un espectáculo de danza con música en directo.

E como cada xornada, no patio de Turismo, ás 00,30 horas, terán lugar os coloquios teatrais do Foro MIT, neste caso coa compañía Sarabela Teatro, para falar da montaxe de “A lingua das bolboretas” e a estreita relación coas obras do escritor Manuel Rivas.

Unha xornada de venres na que a danza e a música terán un protagonismo especial
A Mostra de Ribadavia ofrece mañá un novo espectáculo internacional, ámbito recuperado nesta edición, despois do 2020 adicado exclusivamente ao teatro galego.
Ás 23,00 horas, no Auditorio Rubén García, a compañía Lion and the Wolf - Christos Papadopoulos de Grecia presenta “Elvedon”. Un espectáculo de danza coa coreografía a cargo de Christos Papadopoulos e con música de Coti K.
Ás 20,00, na localidade de Santo André, “Xeliña fala galego”, de Caxoto - A trastenda dos contos (Galicia). Seguidamente, ás 21,00 horas, no Auditorio Manuel María da Casa da Cultura, preséntase “Bailar agora”, da compañía galega Marta Alonso Tejada. Ás 00,30, no patio de Turismo, está prevista a presentación do libro “História da dança contemporânea na Galiza”, de Afonso Becerra

Te puede interesar