Os rostros de Nós

O Castelao de Xosé "Vilamoure"

Eis Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao a terceira figura da xeira “Os retratos de Nós”, e o primeiro alleo ao grupo de Ourense. Enganchouno para a causa galeguista o ourensán Antón Losada Diéguez tralo seu traslado profesional a Pontevedra en 1919, poñéndoo en relación con Risco, o que foi fundamental para a imaxe e tipografía do proxecto que verá a luz o ano seguinte coa súa dirección artística, a revista «Nós», nome apadriñado polo persoeiro rianxeiro dende o seu fulcral álbum 1916/1918. Nacido nesta vila coruñesa en 1886, viaxa con nove anos coa súa nai para xuntarse co seu pai na Pampa Arxentina, vivindo alí até 1900. En Buenos Aires, en 1950, pecharía os seus cansados ollos, sendo os seus restos repatriados en 1984, para repousar en severo monumento funerario en Compostela, no Panteón dos Galegos Ilustres. Os anos entre 1903/9 fai medicina, comeza a debuxar caricaturas, e publica as ilustracións nas capas de «Vida Gallega», levando en 1909 medalla de ouro por un cadro na “Exposición Regional Gallega”. Co regreso a Rianxo exercerá de médico na rúa do Hospital, mais fai en 1912 a súa primeira exposición en Ourense. Recuperado dunha seria doenza na vista, participa na exposición Nacional de Bellas Artes en Madrid obtendo unha terceira medalla.

castelao-lamina-25,5x35cm

Residiu en Pontevedra entre 1916/1936, traballando no Instituto Xeográfico Estadístico e como profesor de debuxo no Instituto. Fai escenografías na Casa da Luz para a Coral Polifónica, cofundada con Losada Diéguez. Para a revista «Alborada», fai Daniel os primeiros gravados de Galiza en 1922. Das súas varios publicacións salientamos «As cruces de pedra na Bretaña», e os albums «Galicia Mártir» e «Atila en Galicia». Participou activamente en política no entorno da IIª República, sendo cofundador do Partido Galeguista e deputado. Coa guerra chega o exilio, residindo finalmente en Arxentina, onde publica «Sempre en Galiza». Moi eivado xa, pintará en 1945 “A derradeira leición do mestre” para o Centro Ourensán, presentado como homenaxe a Alexandre Bóveda o 17 de agosto, reivindicada como “Día dos mártires galegos”.

O artista escollido é Xosé Rodríguez González (n.1967), de Vilamoure, Punxín, bocarribeira do Barbantiño. Moi prolífico, unha das súas teimas ten sido abordar retratos de artistas dende fotos en B/N seguindo o monumental libro da Taschen. E así, cunha técnica madurecida, abordouno dende un da súa icónica foto de Pintos, 1931, en pose con chaqueta de amplas solapas, paxarela, e o rostro lixeiramente inclinado. Grande e delgado de corpo como era, tiña un sorriso luminoso, que amosaba ás veces, como na súa homenaxe en Lugo, 1932. “Vilamoure” tratou corpo e fondos acuosos de acuarela, utilizando óleo para o rostro, ao que engadiu lapis de carbón, e todo con lixeiros tonos de cor. Ten feito outras series, como “Animais en perigo de extinción”, exhibida en Alterarte, ademais dunhas variacións baseadas nunha foto de Irving Penn no “Espazo de Arte RV”, sendo así como este imaxinativo artista acada, con liberdade dende o modelo, o súa expresión máis decantada.

 

Te puede interesar