Entrevista

José González: “O abandono de terras é unha vantaxe competitiva en Ourense”

O conselleiro de Medio Rural cumpre un ano o venres no cargo, e ten na carteira a prevención dos lumes, tratar de sortear o minifundismo e facer rendible o rural galego

"E veñen aquí ata Infesta a facer esto?". Anda estes días José González (Ourense, 1970) visitando candidatas a Aldea Modelo e respondendo preguntas como esta dunha veciña do pobo de Monterrei. O conselleiro de Medio Rural cumpre un ano o venres no cargo, e ten na carteira a prevención dos lumes, tratar de sortear o minifundismo –"sen atacar a propiedade"– e facer rendible o rural galego. Aí están as franxas de seguridade –nuns días sumaranse 30.000 avisos de limpeza de parcelas– ou o proxecto arrancado en Osmo –"unha pequena parte do que queremos facer"–, e que se perfilará na Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia.

"Temos unha estrutura da propiedade demencial. E para atacar o problema hai que sacar unha lei que dé seguridade xurídica e certezas". No espírito da norma, prevista para febreiro, unha ordenación do territorio –"con tres usos, agrícola, gandeiro e forestal. Un puzle de toda Galicia"–e con ferramentas –banco de terras, polígonos agroforestais e instrumentos de xestión conxunta– para a mobilización. "E que funcionan mellor canto máis abandono e descoñecemento da propiedade existe. Calquera parcela sen dono nun proxecto comezaremos a xestionala. Se aparece, devolvémola. E se non, queda a Xunta con ela–antes era o Estado–. Así o propietario descoñecido deixa de ser un problema. Agora é unha vantaxe". 

O proxecto case funciona coma unha reflexión sobre Galicia. 

Galicia é rural e o rural é Galicia. Non se pode vivir de costas, nin ignorar que unha parte está abandoada e hai que recuperala. Nestes proxectos de mobilización non queremos que haxa nin o 10% cultivado. Na comarca de Maceda hai 10.000 hectáreas nas que non atopamos nin unha sola explotación. En Xunqueira de Ambía, 500 hectáreas abandonadas. Hai moitos sitios que nos permiten actuar integramente sen "molestar". 

E despois? Que cultivamos?

Temos moita capacidade de desenrolo. Cereal, sidra, frutais...Estamos xestionando acordos con grandes compradores para que os produtos que vaian saíndo das aldeas modelo, e despois dos polígonos, teñan asegurada a venda. Hai xente que di: "Estou disposto a apostar polo pemento de Oímbra. Pero cando digamos que necesitamos x centos de miles de quilos, onde están?". Eu fago ao revés: "Garantizádeme os quilos de pemento e o prezo. E eu busco a terra". Estamos nisto. E vamos a ter marcas que amparen os produtos das aldeas modelo. Plasmaranse nunha gran marca agroalimentaria galega. Verá a luz antes de final de mandato. 

O conselleiro de Medio Rural, o ourensán Jose González, xesticula durante a conversa, o venres no Sanmiguel. (Foto: Xesús Fariñas)

Márquetin do agro. 

Promoción transversal. E ensinar Galicia. Imos a facer unha finca que será escaparate de todo o rural. O estandarte da marca agroalimentaria. Estamos preparando o pliego, faremos un concurso de ideas para recoller nunha finca en Sergude, situada  a 10 minutos de Santiago, todo o que queremos que sexa o futuro do rural. Todas as DO, as IXP, un centro de negocio... 

Como se articulará esa visión comercial nas aldeas modelos?

Orientaranse as produccións para que teñan a maior facilidade de acollida no mercado e despois xerar unha especie de interconexión entre as aldeas. Se nunha impulsamos a gandería e necesita uns produtos, trataremos que salgan doutra aldea.  Se prantas cereal para alimentación animal, o lóxico sería que as aldeas modelos con actividade gandeira súrtanse do cereal.

Pode ordear as fincas e compralas, facer un mapa e recomendar os cultivos. Pero se logo non hai wifi, boas estradas, colexio, farmacia... O traballo de Medio Rural en solitario, non serve. 

Estou de acordo. É unha actuación íntegra. Nas aldeas modelo actuamos no perímetro. Imos ver: quen se vai a vivir a Osmo se está todo cheo de maleza? O primeiro é recuperar a contorna, uns 400 metros de radio, onde implantaremos actividade agrogandeira. Non é o mesmo ver todo sen traballar que velo limpiño, ordeado, os porquiños nos soutos... O segundo paso? Actuar dentro da aldea. Temos 37.000 aldeas para escoller. Todas non as imos recuperar, é evidente. Deberiamos reflexionar como imos repregarnos no territorio. Agora: Osmo,a 10 minutos de Carballiño, preto de A-52, con casas rehabilitadas e 4G. Non haberá xente en Santiago que queira mercar alí unha segunda vivenda?

En Osmo si, pero...

Unha aldea en Maceda, por exemplo. Preto dos polígonos de San Cibrao e Pereiro. Non haberá primeiras residencias? Traballaremos as tipoloxías. Turísticas, de primeira residencia, de segunda... hai tantas aldeas en Galicia que poderemos atopar todos os tipos. Que pasa. Que se agora mesmo fas a casa alí e arredor hai ruínas, maleza... pero se as arreglas? Ten que facerse unha recuperación integral. Estamos falando con outras consellerías. 

Están na mesma rima Política Social, Vivenda, Industria...?

Si. Estou convencido de que pode haber moita actividade económica arredor das aldeas modelo. Que non sexan meros escenarios. 

Esa é a clave. 

Non é unha broma, non vamos de farol. Esto é a punta de lanza de algo que pode chegar a ser moi grande. Se teño Osmo con 30 hectáreas, e teño que por un polígono de 400 hectáreas no Ribeiro, onde o vou poñer? Pegado a unha aldea modelo. E pouco a pouco, vou estendendo esa ordeación do territorio. 

E as que teñen malas comunicacións? Non poden ser modelo? 

Para nada. Por exemplo. Manzaneda, o Macizo central, teñen o mesmo futuro que no pasado: esplendoroso. En sitios onde non se poida recuperar para primeira residencia nin segunda, o que temos que facer a través dos polígonos agrogandeiros e aldeas modelos é impulsar a actividade económica. Ao mellor tamén temos que asumir que os terreos estén custodiados por esa actividade e que en determinados sitios a xenta viva nas cabeceras de comarca. Hai que poñer a terra a traballar. E non é un prantexamento economicista, é un prantexamento de país. Manter a estrutura de aldeas que temos en Galicia é inasumible para o s. XXI.

Fálase da volta ao rural.. pero logo, en Ourense quedan con vacantes grados vencellados ao territorio, como Agrarias.

O rural non pode contemplarse coma un sitio idílico para vivir. É para desenrolar unha actividade económica con rendiblidade. A xente ten que cambiar a mentalidade. Queremos que o rural galego sexa referente en innovación e formación agroforestal. Potenciaremos esto dentro da Axencia Galega de Calidade Alimentaria. E Ourense será importante nesa área. 

Urxe máis formación para o viño. En Ourense só hai un ciclo medio, en Ribadavia. Nin cobre.

Sendo unha provincia tan agrícola como é Ourense, temos que facer unha aposta pola formación e  innovación. E tendo tres DO na provincia, se vamos a unha formación en tema enolóxico... Esto non lle gustará a Abel (Caballero), que quere facer Enoloxía en Vigo. Somos unha xeración que nos botaron do campo. Veño dunha familia que leva a gala a actividade agraria. Pero no Ribeiro botaron aos nenos da viñas. Temos que cambiar a mentalidade. E facer da necesidade virtude. O abandono de terras en Ourense é unha vantaxe competitiva. Dezaseis das 28 aldeas modelo están aquí. Ourense é a provincia galega que ten a maior porcentaxe de aldeas recuperable. 

Foron abandonadas antes... 

Avanzaremos no modelo. Pero a idea é recuperación integral. Deixala "niquelada". O maior polígono agroforestal piloto que se vai facer en Galicia será no val de Monterrei. Entre Cualedro, Monterrei e Oímbra, para recoller os diferentes usos. Forestal, soutos de castaña, viñedo e cereal. Pedín 4.000 hectáreas. Máis do que se mobilizou nos últimos 20 anos.  

Por que o banco de terras non deu mellores resultados?

Tiña un problema fundamental porque faltaba capacidade para desenrolar traballo, por falta de persoal. Metín 20 persoas.  

Mira que o criticou o PP. 

Eu nunca. O banco de terras é unha boa idea, no seu momento mal executada, e que quizais chegou nun momento no que a xente do rural galego aínda non estaba preparada para asumir o tema. Había moito máis apego a propiedade fai 20 anos que agora. Hoxe a xente está moi preocupada, a terra moitas veces vese como unha carga e non coma un beneficio... O banco de terras era pouco áxil. Agora é máis dinámico. Todo o que vai na lei pediuno pola oposición. Logo chegarán as críticas...

Considerase un político?

Si. E dentro de ser político, teño unha forma de ser, de afrontar os problemas e tratar de resolvelos. 

Por formación, por estudos?

O único que me fai ilusión na vida dende fai moitos anos é cambiar cousas. Divírteme algo se podo cambiar cousas. Ao meu pai gustáballe moito emprender, e metéunolo no corpo. Facer cousas diferentes, prantexamentos novidosos. Son funcionario tamén, pero teño vinculación do negocio familiar... O meu avó foi o primeiro que embotellou no Ribeiro. Sempre escoitei na casa: "Pódese cambiar as cousas, e non pasa nada". Cando comezou o avó escoitaba no pobo: "Este está tolo, con botellas de cristal, o viño estropéase, pudre o corcho...". El iba a Francia e vía eso. Cando veu Coren, foi dos primeiros. Móveme cambiar cousas. 

Salvar o rural. Necesidade, romanticismo ou economicismo.  En que porcentaxe cada un?

Cando falo de negocios son moi pouco romántico. Gústanme negocios con valor engadido e que gañen diñeiro. A miña nai estudou en Vigo porque o seu pai, e antes o seu avó, tiñan viño.

O rural é rendible. 

Atraeme demostrar –quizáis é o meu maior reto– a moita xente que non cre que o rural galego ten un futuro espectacular en termos de rendabilidade. Quizáis sexa o que máis me motiva. A veces penso: estou no sitio onde moito do que falei podo levalo a cabo. Porque sempre fun un gran defensor de ter negocios con rendiblidade no rural. Non podemos deixar pasar a oportunidade nesta xeración de recuperar o que temos. Debémosllo aos nosos antepasados. 

A vaga de incendios de 2017 serviu coma catalizador?

Si. Sempre houbo un magnífico servizo de extinción de incendios. O que ensinou a vaga foi que xa non temos épocas libres de lumes moi grande, a necesidade de ter o territorio ordeado e coa biomasa controlada, a importancia da tecnoloxía e tomar conciencia dos comportamentos dos incendiarios. Hai que acabar con esa lacra. Que o lume cumpre unha función? Para iso teremos o plan de queimas controladas, ímolas impulsar. Non é cousa de elevar penas, senon desincentivar o lume. A clave é a investigación. Temos xente gravada cos artefactos incendiaros. Medios tecnolóxicos –cámaras, drones...– cun compoñente disuasorio. Os lumes deste septembro tamén me ensinaron. Ardeu menos coas mesmas condicións doutros anos. A cooordinación funciona, baixou a actividade incendiaria polo día... Teño claro por onde ten que ir a investigación.

En que sentido?

Conxunta con xuíces e fiscais, para xudicializar as actuacións. Subiu moito o nivel de detidos. O servizo de prevención e extinción investiga, nun rol que o comité de expertos recomendou incentivar. Tamén apostan polas brigadas municipais. Gústanos este modelo dos expertos, cun proceso de selección único, coas mesmas condicións e un tempo de traballo de 6 meses. Estamos disposto a entrar sempre que sexa sostible. E aí o esforzo ten que ser compartido: Xunta, concellos e diputacións. O modelo, con criterios técnicos na ubicación, requerirá un gran pacto autonómico polos lumes.

Te puede interesar