Adolfo Domínguez recibirá o Premio Ourensanía 2023

O xurado do Premio Ourensanía tamén concede un galardón de honra a Xosé Ramón Fernández-Oxea, Ben-Cho-Shey

Publicado: 19 oct 2023 - 20:43 Actualizado: 19 oct 2023 - 23:07

Adolfo Domínguez, Premio Ourensanía 2023
Adolfo Domínguez, Premio Ourensanía 2023

O deseñador de moda Adolfo Domínguez, natural de A Pobra de Trives, recibirá o próximo 11 de novembro o Premio Ourensanía 2023. Así o acordou o xurado deste galardón, outorgado pola Deputación de Ourense, nunha reunión celebrada onte no Pazo Provincial. Escolleron ao modisto e empresario como “recoñecemento á súa traxectoria profesional, situando a Ourense no mundo da moda, pero tamén a súa faceta como home de cultura, pola súa dedicación á literatura”. Na mesma reunión, o xurado acordou conceder o Premio Ourensanía de Honra de 2023 a Xosé Ramón Fernández-Oxea, tamén coñecido como Ben-Cho-Shey (Ourense, 1896), escritor, mestre e investigador, ao redor de cuxa figura a Deputación de Ourense organizará actos e actividades ao longo do próximo ano.

Premio Ourensanía

O xurado, baixo a presidencia de Luis Menor, estivo integrado por Patricia Torres, Maribel Outeiriño, Miguel Anxo Fernández, Luis González Tosar, Eva Torres, Marisol Novoa, Afonso Vázquez Monxardín e Aurelio Gómez Villar como secretario, delegando o seu voto por ausencia de Manuel Guede. O Premio Ourensanía é un recoñecemento honorífico a aqueles ourensáns ou persoas vinculadas á provincia que teñen destacado nas súas facetas profesionais, sociais ou intelectuais.

Non é o primeiro recoñecemento outorgado ao deseñador. De feito, Adolfo Domínguez é o modisto galego máis premiado: ten o Premio Nacional de Moda (concedido polo Ministerio de Cultura en 2019), “Aguja de Oro” (Ministerio de Cultura, 1997) ou o Lifetime Achievement (Miami Fashion Week), entre outros galardóns.

Á súa faceta de empresario e modisto hai que engadir a de intelectual e escritor. Máis alá de desenvolver, dende Galicia, un grupo empresarial con proxección internacional -agora ao cargo da súa filla, Adriana Domínguez-, o deseñador publicou en 2018 unha segunda versión da novela “Juan Grego”. Dende aquel intre, está centrado na divulgación cos seus lectores: xa fixo máis de 200 presentacións en cidades españolas.

“La arruga es bella”, o lema que marcou tendencia

Empresario, intelectual, modisto e escritor, Adolfo Domínguez converteu a súa empresa na primeira de moda española en abrir tendas fóra de España (1980), a primeira en lanzar un perfume propio (1990) e tamén pioneira e decana en Bolsa, xa que cotiza desde 1997. Tras propiciar a substitución xeracional cara ás súas tres fillas, na actualidade apoia desde o consello de administración a transformación da compañía cara a unha nova era, coa súa filla Adriana Domínguez á fronte.

Na última edición do Ourense Film Festival (OUFF), Adriana Domínguez presentou no escenario as primeiras imaxes do documental que están gravando sobre a vida persoal e profesional do home que marcou tendencia co afortunado lema de “La arruga es bella”. O proxecto está producido pola Fundación Adolfo Domínguez e coproducido pola Deputación. As primeiras imaxes víronse en exclusiva no festival, amosando as raíces de Adolfo Domíguez nunha aldea de A Pobra de Trives.

Unha viaxe dende a xastrería dos seus pais a referencia mundial en moda

Adolfo Domínguez Fernández naceu na Pobra de Trives (Ourense), no piso de arriba da primeira tenda que os seus pais abriron en 1950. Poucos anos despois a familia trasladouse a Ourense, onde inauguraron a xastrería O Faro e convertérona en referencia de moda home. En 1974, o seu pai (do mesmo nome) constituíu Adolfo Domínguez e Hijos SL, que transformou en 1976 en Adolfo Domínguez SA, a orixe da actual compañía. En 1984, en plena expansión internacional, lanza o lema máis coñecido da marca, “La arruga es bella”.

A súa firma dispón hoxe do 59% dos seus 345 puntos de venda en 22 países e emprega a máis de mil profesionais, na súa maioría nos servizos centrais de San Cibrao das Viñas. Durante a presentación do documental no OUFF, Adriana Domínguez fixo fincapé nas “raíces” ourensás da empresa.

Contenido patrocinado

stats