Alfonso Blanco: "A película 'Cuñados' será internacional, xa hai interés en Portugal e Italia"

Entrevista a Alfonso Blanco, fundador de Portocabo

Alfonso Blanco.
Alfonso Blanco.

O petinés Alfonso Blanco está detrás dunha das produtoras audiovisuais do momento: Portocabo ten series líderes en plataformas audiovisuais e longametraxes coma “Cuñados”, gravado en Ourense, que trascenderon as fronteiras galegas e nacionais. Esta semana, un equipo que algúns días chega ás 300 persoas polo Casco Histórico, acaba a rodaxe de “+ Cuñados”, a segunda parte da cinta. Os espectadores viaxarán polo Entroido.

Como foi a rodaxe?

Estamos na recta final, era unha rodaxe máis complexa que a anterior porque ambientar a historia case de forma íntegra no Entroido foi todo un reto. Tivemos que vir a gravar recursos no Entroido real e despois reproducilo cos nosos actores, pola noite, enchendo rúas… E rodamos moito no centro da cidade, que complica algo máis porque non podes parar aos negocios e a xente. Pero foi un resultado xenial, os ourensáns están encantados, con moita paciencia porque estamos ata as tres da mañá cunha charanga simulando o Entroido… Pero bótanlle humor. Como ourensán, fun fantásticamente recibido en casa.

Ademais do Entroido, que outros sinais de identidade recoñeceremos?

O polbo! Os tres cuñados montan un posto os domingos na Praza dos Suaves. Os protagonistas, cando se disfrazaban polo Entroido, chaman á súa carroza “Pulpo á feira”. E xa imos arrastrando da primeira película o protagonismo do viño do Ribeiro, coa familia que tiña a adega. Agora pasaron dous anos e o novo viño é un éxito. Viño, polbo e Entroido, non nos podemos queixar.

E as termas, que foi delas?

Tamén! Temos secuencias aí. Xa llo comentei ao Concello e a Deputación, que é unha pena como están a maior parte pechadas. Faríamos máis secuencias por nós, unha trama non puidemos facela.

Fixeron virguerías para rodar?

Menos do que podería ser, que xa me fastidia como ourensán. Saen as termas e saen ben na película, pero a verdade é que nos quedamos coas ganas de facelo mellor. O termalismo é algo moi singular que temos e hai que explotalo.

Canta xente moveu a rodaxe desta película?

É unha película algo máis ambiciosa, con máis orzamento. De media xa estamos entre 60 persoas de rodaxe, sobre 20 de equipo actoral e a figuración... unhas 100 persoas nos días normais. Pero houbo días de Entroido que tivemos 80 persoas de figuración. Houbo días grandes que fomos 300. A tutiplén fomos! Tivemos que repartirnos, íamos a cear como a seis sitios diferentes.

Cando a veremos no cine?

Non o sabemos aínda, porque a estrea en salas é complicada. Non está a vivirse o mellor momento, cambiaron os hábitos trala pandemia. Os plans para a estrea son complicados, pero terémola dispoñible para final de ano. Os festivais tamén lle veñen ben ao proxecto. E imos intentar movelo a nivel internacional.

Intentar internacionalizar +Cuñados?

Si, a primeira foinos ben. Foi inaudito porque é moi raro que películas rodadas en galego se estreen nos cines fóra de España. E unha comedia, aínda máis. E conseguímolo. Fixemos un estrea bastante potente en Grecia.

Curioso…

Si. Agora negociamos para facer a estrea das dúas películas en Portugal e tamén hai interés de Italia. Despois virán as ventas televisivas, aí estamos seguros de que vai a funcionar moi ben. Ourense viaxará da man de “+Cuñados” fóra de España.

Foi nomeado presidente do Clúster Audiovisual Galego.

É un orgullo que os compañeiros de profesión pensen en min. Estamos no mellor momento da historia, despois da pandemia, para o audiovisual galego. Coinciden varias produtoras con moito volume de traballo, que para un país como Galicia hai un tecido audiovisual tremendo. Tamén de audiovisual independente. Había que arrimar o ombreiro. Agora que teño a empresa sólida, era momento. Hai que consolidar este momento fantástico do audiovisual galego.

Que outros proxectos teñen? Cando se estrea a segunda tempada de “Rapa”?

O 15 de xuño. Tamén queremos estrear “Argonautas”, unha serie infantil que me fai ilusión. É un proxecto importante porque se fai pouco contido para nenos a nivel europeo. O orgullo maior é facer un proxecto coma este con 100% equipo galego, é un puntazo. Teño tres xoias: “Cuñados”, “Rapa” e “Argonautas”, todas moi distintas.

Máis rodaxes á vista?

Temos, pero non podo dicilo. Os meus socios non me deixan… de feito, case temos dous novos rodaxes a punto. Vai ser un bo ano.

Contenido patrocinado

stats