Elecciones gallegas 18F

Alfonso Rueda: “Hai dúas opcións: o sentidiño do PP ou o barullo da esquerda”

Alfonso Rueda é o candidato do Partido Popular de Galicia (PPdeG) e presidente da Xunta en funcións

Probablemente preferise percorrer Galicia na súa moto e ao seu aire, pero a contenda electoral esíxelle concentrarse na defensa da Presidencia da Xunta nas súas primeras autonómicas como candidato do PPdeG.  Chega dun mitin ateigado en Ribeira, exponse ás preguntas na entrevista de Telemiño e toma forzas cun bocadillo de luras nun restaurante de San Cibrao. Ao velo, os paisanos non dubidan e fotografarse con el.

Son as súas primeiras eleccións como candidato do PPdeG. Nota máis presión, incluso dende dentro do partido?

Noto a responsabilidade de ser o  candidato á Presidencia da Xunta e o foco dunha campaña artellada por unha morea de compañeiros e compañeiras das catro provincias. Claro que é diferente pero tamén ten a súa parte bonita.

Dos 43 anos de Xunta, 36 foron baixo o mandato do PP, antes AP. A estatística amosa que aos galegos lles custa cambiar, pero a esquerda aposta polo cambio. Vostede que percibe?

A esquerda sempre pide o cambio porque cando chegan as eleccións autonómicas, pérdenas. O Partido Popular de Galicia gañou por maioría absoluta as catro últimas. Non creo que aos galegos lles custe cambiar. Eu creo que os galegos examinan cada catro anos o que fixo a Xunta e se lles gusta, din que continúe, pero ese examen sempre o hai. Tómome moi en serio a xente que vai votar, e sei que está observando para decidir se as cousas van ben ou non. Estou seguro de que se non fixésemos as cousas ben, cambiarían.

Nun almorzo infomativo que mantivo vostede hai uns días na Asociación Aixiña pediu un esforzo especial aos ourensáns.

Necesitamos un mínimo de 38 deputados e iso esixe un resultado moi importante nas catro provincias, especialmente en Ourense, onde sempre houbo un apoio moi grande ao PP, sobre todo nas autonómicas. Teño a esperanza de acadalo. Polo tanto, para sumar eses 38, Ourense vai ser decisivo.

Alfonso Rueda en Telemiño
Foto: Xesús Fariñas
Alfonso Rueda en Telemiño Foto: Xesús Fariñas

Cales son as propostas para Ourense?

Temos 872 medidas no programa electoral. Por certo, todas vistas pola Consellería de Facenda porque é moi fácil prometer grandes cousas e dar fórmulas milagrosas para arranxalo todo en quince días, pero cando tes a responsabilidade de goberno e tes que cumprir o programa, tes que pensalo moito. Polo tanto, eu quero que Ourense siga tendo unha discriminación positiva. Ten que ter un esforzo especial por parte da Xunta para compensar a súa situación de provincia interior. Gustaríame seguir desenvolvendo a potencia industrial de Ourense cuns polígonos que imos ampliar promovendo chan novo para as empresas que queiran vir aquí. O turismo e o termalismo constitúen unha oportunidade enorme trala chegada do AVE. Ourense ten moito potencial. E, por suposto, o reto demográfico, como demostra toda a xente que estamos traendo a través de Plan Retorna para que fixe poboación. Hai que blindar os servizos, sobre todo no rural, para evitar que se baleire ou se desprace cara ás cidades máis poboadas da costa. A educación ou a sanidade teñen que ser de primeira calidade.

Levamos as cámaras de Telemiño á rúa e a primeira intervención dun veciño, como pode escoitar, fala da baixa contía das pensións, da dificultade para acceder a unha residencia e da lentitude para poñer en marcha a financiada por Amancio Ortega na cidade.

Efectivamente, o señor Amancio Ortega, tan deostado pola esquerda. No debate coa esquerda falaron pestes del cando está posibilitando residencias nas catro provincias e aparatos de oncoloxía nos hospitais. Dígoo porque este señor nomeábao. A intención da Xunta era facer unha residencia magnífica nas cidades galegas. O tempo inicial era o mesmo para as sete. O grao de avance dependía da colaboración de cada concello. A de Santiago está a piques de funcionar, a de Pontevedra está moi avanzada, a de Lugo tamén está preto de inaugurarse e en Ferrol está todo despexado para poder construír. En Ourense houbo motísimos problemas para realizar unha residencia cun investimento de 12 millóns e en Vigo todo o que quere facer a Xunta resulta moi complicado. En Ourense e en Vigo é onde sempre temos máis dificultades para facer este tipo de investimentos tan beneficiosos.

Unha infraestrutura que aínda está peor é a A-76, que é vital para vertebrar a provincia. 

No tema das infraestruturas, hai que ser moi serio para que a xente te crea. Dende logo, Valdeorras ten que ter unha mellor comunicación. Cada administración terá que asumir a titularidade das súas infraestructuras e despois é certo que tamén podemos colaborar. Todo ese compromiso de comunicar a comarca de Valdeorras, eu sei que está adiado. O Goberno central tería que facer un esforzo e a Xunta tamén. Hai infraestruturas nas que temos que combinarnos. Eu teño visto moitos compromisos do Goberno central neste eido que aínda están no papel. É fácil falar de que se van facer grandes estradas, grandes pontes e despois nunca saen dun boletín oficial. 

A segunda pregunta cidadá  vai sobre a lingua galega. 

É un risco ideoloxizar o idioma. O idioma é un tesouro que non é patrimonio de ningún partido político. Dígoo porque despois veñen os problemas das imposicións e iso produce o efecto contrario.

Alfonso Rueda en Telemiño

Foto: Xesús Fariñas
Alfonso Rueda en Telemiño Foto: Xesús Fariñas

Ultimamente Cataluña entrou na campaña galega. Publicouse que o PP estudou a amnistía durante 24 horas e que Feijóo aceptaría un indulto condicionado a que Puigdemont fose xulgado en España. Feijóo negouno un día despois.

Se se decata, isto saíu na última semana e foi porque case todas as enquisas coincidían na posibilidade de que o PP volvera ter maioría absoluta. Polo tanto, tiñan que sacar coellos da chisteira. Eu teño clara esa polémica. Estou en contra da amnistía porque está deseñada para favorecer a un territorio concreto que é Cataluña, onde goberna o independentismo catalán que sostén a Pedro Sánchez no poder. A amnistía provoca unha desigualdade xurídica entre os territorios de España e, polo tanto, Galicia estaría en inferioridade xurídica con Cataluña. Tamén unha desigualdade territorial: se se dividen os territorios, xa non somos todos iguais. O efecto máis grave é a desigualdade económica: para darlle máis a uns territorios hai que quitarllo aos outros. É dicir, recibiriamos menos para que outros reciban máis. A amnistía non ten ningún sentido. Feijóo deixouno clarísimo e eu teño clarísimo que é un disparate. Vai acabar rompendo as igualdades básicas neste país e a Galicia non lle interesa nada ir por ese camiño.

Vostede preséntase cun programa, pero tamén cun balance. Hai lugar para a autocrítica nel?

Por suposto. Eu admito que en 14 anos hai fallos. As cousas sempre se poden facer mellor, pero o que non podo admitir é esa comparación entre os hospitais galegos e os da guerra de Ucraína. Ou que os centros de atención primaria son coma os da África profunda. Todo iso tense dito no Parlamento galego. Creo que Galicia avanzou moito neste anos, recoñéceo todo o mundo, incluso a oposición cando ninguén os escoita. Temos cifras para presumir en servizos sociais, en escolas infantís e mesmo en moitos aspectos da sanidade. Poñamos iso en valor porque é un logro de todo o mundo. Iso págase cos impostos dos galegos. Dito isto, claro que hai cousas que mellorar. 

Que ten que mellorar?

Na sanidade, na atención primaria, son consciente de que hai sitios nos que faltan médicos, pediatras. Estamos facendo todo o posible. Sei de xente que está esperando unha operación cirúrxica e agarda máis da conta. Todo iso é certo pero tamén é certo que temos uns excelentes servizos públicos. Temos que seguir mellorándoos e detectar onde están as eivas para solucionalas e cando non se pode, non mentir á xente. Escoito que vai haber médicos de primaria en dous meses se goberna a esquerda: iso non é certo. Todas as comunidades estamos buscando médicos en todas partes. E digo unha cousa, as listas de espera en Galicia, sen eu conformarme para nada porque tiñan que ser cero, son moito mellores que na maioría das comunidades. Cando din que van solucionar en dous meses os problemas de vivenda ou da sanidade, iso é mentira. Todo iso é crear esperanzas para que logo se convertan en frustracións. Corrixir cousas, si, por suposto, pero a Galicia negra que pintan os partidos da esquerda non existe.

A terceira inquedanza cidadá vai tamén sobre a sanidade.

Levamos cen millóns de euros investidos na construción de novos centros de saúde e en reformas hospitalarias. E hai que seguir. A medicina está cambiando moitísimo, cada vez é máis personalizada e nesta lexislatura hai que apertar o acelerador. As esperas medias non son as que nos gustaría, pero tampouco son de cen días. O 75% dos médicos de primaria atenden nun prazo máximo de tres ou catro días, esa é a realidade á marxe de casos puntuais. As esperas cirúrxicas están nunhas cifras mellores. A primaria tivo un gran despliegue de medios sobre o territorio e agora custa ter médicos. Pero estamos a buscalos. Recorremos a un sistema que chamamos de prazas de difícil cobertura, aquí en Ourense había varias, que permitiu cubrir case corenta médicos de atención primaria, e nos hospitais comarcais, onde é máis difícil que vaian especialistas, casos de Valdeorras ou Verín, van ir nun prazo mínimo de dous anos. Isto non se fixo en ningún outro sitio de España. Dígoo porque estamos todo o día inventando fórmulas novas. En calquera caso, a xente sabe que cando ten un problema grave de saúde, pode confiar  na sanidade pública galega custe o que custe o tratamento. 

Xa nas pasadas autonómicas houbo “sorpasso” do nacionalismo sobre o socialismo e as enquisas actuais reforzan esa tendencia. Cal é a súa explicación?

O PSOE está pagando as consecuencias da súa actitude durante os últimos anos. Creo que todo o mundo ten claro que Pedro Sánchez non lle está dando a Galicia nada do que a Galicia lle corresponde mentres noutros sitios está de rodillas facendo o que faga falta e cando faga falta e iso a xente percíbeo. Hai xente de esquerdas á que non se lle pasa pola cabeza votar ó PSOE. O BNG iniciou un branqueamento das súas políticas que seguen sendo as mesmas que hai vinte anos: unha das súas prioridades é a independencia de Galicia e a imposición do monolingüismo nas escolas. Son socios de Bildu e de Esquerra Republicana. A diminución drástica dos efectivos da Garda Civil e da Policía Nacional tamén está no seu programa igual que a desaparición das provincias. Están tentando ocultalo e danlle unha imaxe máis moderada. Por outra banda, a debilidade extrema do PSOE provoca vasos comunicantes na esquerda. Hai que entender a mentalidade de Pedro Sanchez: dalle igual que o seu partido vaia ter un resultado nefasto nas autonómicas, todo lle dá igual con tal  de que a súa obsesión por que o PP non goberne sexa unha realidade. Por iso eu traballo aínda con máis forza para que iso non sexa posible.

Por que Vox, unha forza coa que gobernan noutras autonomías, non arraiga en Galicia?

Creo que o PP de Galicia é o partido que máis se parece a Galicia. Identificámonos con moitísima xente. Eses apoios do 50% nas autonómicas, en Ourense máis, significan que a xente síntese identificada cun partido coma o noso. Somos xente moderada, non nos gustan os radicalismos, as esaxeracións… non nos gustan as estridencias, os enfrontamentos... Eu creo que os radicalismos, tanto na dereita coma na esquerda, consisten un pouco niso e en Galicia non teñen calado. A xente séntese identificada cun partido de centro dereita moderado. Iso esixe ser un partido de mentalidade ampla, entender que Galicia é moi plural e darlle acollida a moitas sensibilidades, que é o que fai o PP de Galicia. Somos un partido que está no territorio, temos representantes nos 313 concellos galegos. É un partido no que a xente confía e que xestiona ben onde goberna e, onde non goberna, fai unha oposición responsable. Por iso a xente non busca fórmulas alternativas como buscou noutros sitios. Eu estou moi satisfeito diso e creo que temos unha enorme sorte de librarnos de radicalismos totais. Estou orgulloso de que a presenza de Vox e o condicionamento que pode facer noutros sitios, estea lonxe de telo en Galicia. Creo que nestas autonómicas non van ter representación. Quen máis celebran os votos a Vox son os partidos da esquerda porque iso réstanos forza.

Foto: Xesús Fariñas
Foto: Xesús Fariñas

Este venres é o derradeiro día da campaña. Como convencería aos  cidadáns indecisos?

Primeiro que vaian votar. Non vale de nada quedar na casa e despois dicir que non che gusta o que pasou. Polo tanto, creo que votar é importante. Despois, que teñan claro que hai dúas alternativas. Unha é seguir co sentidiño do PP, seguir con esta estabilidade, seguir avanzando, seguir conseguindo que Galicia teña melloras e que o que funciona ben, siga funcionando para seguir mellorando. E tamén ser fortes para enfrontarnos ao que estamos vendo que queren facer dende o Goberno central en prol doutros territorios e en contra de Galicia. Hai que pensar que a outra alternativa é un multipartito de esquerdas que vai poñer todo en cuestión, que perderán unha chea de tempo en emendar todo porque para eles todo está mal. Seriamos unha sucursal B deses barullos que estamos vendo noutros territorios de España. A idea é que iso pode pasar en Galicia se goberna a esquerda. A min non me gustaría que Galicia dese ese paso atrás, sinceramente, iso é o que nos estamos xogando.

Te puede interesar