EL MACHISMO NO CESA
La violencia de género no da tregua: 2,4 denuncias al día en Ourense
Levaba traxe azul, garavata granate e camisa a xogo co sorriso cando Alfonso Rueda entrou no plató de Telemiño para o programa “Unha hora con…”. Pontevedrés de 54 anos, asumiu a presidencia da Xunta hai nove meses. De súpeto, trala marcha de Núñez Feijóo a Madrid, converteuse no “xefe”, como el mesmo di, do Goberno galego e do PP na comunidade.
Como foi o primeiro día como presidente da Xunta?
Complicado. Non viña de fóra da política, xa era vicepresidente e algunhas cousas xa contaba con elas, pero é certo que cambia moito. Cambia a responsabilidade, cambia o foco -tes un foco mediático moito máis potente e todo o que fas ten máis repercusión- e paso a ser o “xefe” dos que eran os meus compañeiros no goberno. Tamén me corresponde agora unha última decisión que antes non me correspondía. É un cambio e pesa moito.
Vostede semella un home serio, non é de grandes titulares na prensa. Cal sería o gran titular que lle gustaría dar aos galegos antes de que remate a lexislatura?
Buf! Os titulares teñen que vir por si mesmos. Sería algo como: “Galicia superou estes meses difíciles con nota, e saíu máis reforzada”. Isto implica moitísimas cousas e moitísimas accións de goberno. Así, o titular sería: “Pasamos todo isto, e saímos máis fortes”.
Ímoslle dar catro titulares ficticios e vostede fai as matizacións oportunas. Primeiro: “Rueda acada a quinta maioría absoluta e supera o récord de Feijóo”.
Quedo coa primeira parte. Non teño intención de superar o récord de ninguén. Feijóo tivo catro maiorías absolutas, todas moi complicadas. Eu estiven con el nas catro e o que me gustaría é ter unha quinta; e se o supero sería mellor porque aínda teríamos máis seguridade. Non compito contra ninguén e menos contra Feijóo. A primeira parte do titular encántame.
Que lle parecería un titular coma este: “Rueda logra desbloquear as comunicacións con Valdeorras e o Goberno licita a A-76”.
Pois será unha das cousas nas que eu máis lle insista a Feijóo cando sexa presidente. Se o logro, será moi bo para Valdeorras, para Ourense e para Galicia.
Terceiro titular ficticio: “Xunta, Goberno e Portugal acordan ampliar a autovía de Celanova”.
Estaría ben tamén. Pero debe ser un acordo internacional. É unha vía que conecta os dous países. O Goberno de España agora non ten ningún interese. En xeral, o Goberno de España está a vivir de costas á relación transfronteiriza que aquí é tan importante. Sería un bo titular. Para iso fai falla mudar o Goberno de España. Porque o Goberno de Portugal está a demostrar bastante máis interese e estámolo vendo nas conexións ferroviarias.
Por último. Ollo co cuarto titular inventado: “Rueda pide perdón, en nome do PP, aos veciños de Ourense por facer alcalde a un rexedor indigno da terceira cidade de Galicia”.
Non teño ningún problema en pedir perdón cando creo que é necesario. Pero eu cambiaríao por: “Rueda intenta explicar cales foron as razóns de que o PP durante catro anos intentara dar estabilidade a Ourense”. Creo que hai que explicalo moito e ben. Eu diría: “Rueda intenta mellorar as explicacións que hai que darlle aos cidadáns de Ourense”.
Cal é o plan do PPdeG nas municipais? A proposta de Feijóo de que goberne a lista máis votada foi moi contestada.
Estou seguro de que melloraremos resultados en todas partes. Xa veremos despois as alcaldías. Con maioría absoluta non hai volta de folla. Por iso imos poñer ese obxectivo en cada concello. Se non, reivindico ese plan que dixo Feijóo. Que por certo, agora faime gracia porque o propuxo Feijóo a nivel nacional e algunha xente levou as mans á cabeza. Isto xa o propuxo dende que chegou á presidencia da Xunta e todos o sabemos. Creo que é bastante lóxica a proposta. A xente cando vota, nas municipais, vota un cabeza de lista e quere que sexa o alcalde. Claro, pensar que queda a moi poucos votos da maioría absoluta e non o é non ten sentido. No resto de países da nosa contorna, non pasa. Eu reivindico iso. Como presidente do partido en Galicia volvo lanzar ese reto: se os partidos, polo menos os maioritarios, dixeran que están de acordo, eu asinaría agora mesmo: non gobernar ningunha alcaldía se non somos a lista máis votada. Pero os demais deben aceptar.
Agora en Ourense goberna a terceira lista, nin a primeira nin a segunda.
Seino ben. Pero recordo que ao comezo da lexislatura, no 2019, propuxémoslle un pacto ao PSOE: que gobernara como lista máis votada no Concello e como lista máis votada na Deputación o PP. Dixeron que non. E todos coñecemos as liortas internas e as divisións que tivo o PSOE en Ourense. Volvéuselles ofrecer durante o mandato e non houbo maneira. Volvo a dicir: ten sentido se todos o aceptan, e en Ourense, agora mesmo, o panorama sería outro se aceptasen a proposta que se lles fixo ao principio.
Estarían dispostos a pactar con Vox en Galicia?
Para nós é difícil de contestar por unha razón obxectiva: Vox, dos miles de concelleiros que hai en Galicia, ten cero. Polo tanto, non é a mesma situación ca noutros lugares de España. Aquí Vox é unha forza residual, e vaino seguir sendo. Prefiro dicirlle aos que están pensando en votar ao PP que aposten polo PP, porque a nosa forza é necesaria para continuar cunha situación que eu creo boa en Galicia. Eliminamos os extremismos á dereita e á esquerda. Esa estabilidade e normalidade extraordinaria que hai en Galicia e non noutros sitios vén diso. Facer agora cuestións, como se están a facer noutras comunidades, de se imos pactar con Vox, que é un partido con cero representantes en Galicia… Prefiro ser realista e ambicioso, porque creo que é posible seguir nesta situación.
Que resultado agarda en Ourense liderado por Cabezas?
Creo que terá un bo resultado. Moita xente, os máis novos non, pero os máis novos infórmanse e seguro que se preguntan lles dirán que Cabezas foi un magnífico alcalde, na miña opinión, o mellor da historia de Ourense. Iso vai pesar no resultado. Teño claro que imos mellorar os malos resultados que tivemos en 2019 e agardo que sexa alcalde. Aspiramos á maioría absoluta. Nós temos que ir a iso e se non, que sexa a lista máis votada.
Hai dúas velocidades e dúas Galicias ou hai unha Galicia dunha velocidade?
Estamos sempre falando do equilibrio territorial. Pensar que agora mesmo todo flúe a unha velocidade en Galicia non é real, e iso é o que hai que tratar de cambiar. Hai que primar territorios que precisan esa axuda para equilibrar os movementos naturais da poboación: levamos moitos anos vendo como a xente do interior vai á costa, como o eixo atlántico ten máis potencia. Non estamos agora nun territorio equilibrado. Creo que España no seu conxunto tampouco é un territorio equilibrado. Por iso, esas medidas de primar e evitar o despoboamento, todo o problema de reto demográfico que temos, van para corrixir esas desigualdades. Non é certo que todos esteamos igual. Nalgúns aspectos si hai dúas velocidades. Por iso temos que facer un esforzo onde máis se necesita.
Chegou o AVE e estivemos moito tempo coas termas pechadas. O Concello referiuse moitas veces á nova lei termal da Xunta como atranco para a súa apertura.
Non é certo. Ourense ten un potencial termal: isto repíteo moito, e moi intelixentemente e aposta moito por isto, o presidente da Deputación. Ourense é unha cidade e provincia sen litoral na comunidade e iso obriga a buscar outras oportunidades como o termalismo, que ten moitísimo futuro dende o punto de vista turístico e sanitario. O que se oferta aquí é a calidade, que é o que busca a xente, e dende as administracións temos que impulsala. Por iso, este mes de febreiro, porase en marcha unha área de termalismo dentro Axencia Galega de Turismo.
Como pode ser que a primeira cidade galega con AVE teña a última estación AVE?
Eu laméntoo moito e volvo dicir que será unha das cousas que Feijóo, como presidente do Goberno e como ourensán, terá que cumprir especialmente. É certo que non ten moito sentido que tendo o privilexio do AVE (a min gustaríame que o AVE xa chegase a máis cidades galegas), pois que un ano despois Ourense siga sendo a última en aproveitar esa oportunidade cunhas instalacións non axeitadas e con promesas de licitacións que aínda non se cumpriron. Isto é moi urxente e é difícil de entender. De cumprirse os compromisos, a estación de Ourense xa debería estar en execución.
Dos vinte grandes proxectos industriais programados para Galicia, Ourense é a única provincia que está fóra.</nav> </header> Imos ver agora que pasa co Perte agroalimentario, onde Coren ten moito que dicir. Confío moito na potencia de Coren.
O ecobarrio quedou paralizado.
Agora temos un proxecto piloto de iluminación do ecobarrio. Aí si necesitamos a colaboración dun concello dinámico e que acompañe todo isto. Iso non se está a producir por parte do Concello de Ourense. O ecobarrio non pode funcionar só.
O Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) estará listo o ano que vén? Cal será a súa titularidade?
Efectivamente, estará listo en 2024. Sabemos que isto supón un retraso sobre as previsións iniciais, un retraso que foi alleo á nosa vontade, e que lamentamos especialmente nunha infraestrutura como esta, tan esperada por moitas familias. Fixemos un compromiso e mantémolo: as prazas do centro serán 100% públicas.
Estarán abertas as piscinas de Monterrei este verán?
Si. Ese foi o noso compromiso e mantémolo.
Como é posible que a cidade teña un PXOM de 1986?
Pois certamente resulta difícil de entender, máis cando o PXOM conta con todos os informes sectoriais favorables. É un tema que depende da aprobación do Pleno. Agardo que tras as municipais poida desbloquearse con Cabezas.
O xabaril é a primeira causa de accidentes de tráfico na provincia e agora percorre as rúas da capital.
Desde a Xunta hai tempo que vimos tomando medidas activas para controlar a poboación do xabaril. En canto ás manadas na cidade, xa se lle ofreceu colaboración ao Concello para instalar gaiolas. A día de hoxe aínda non respondeu.
Santiago e A Coruña teñen 85 sedes do Estado e da Xunta; Ourense só tres. Non cómpre que a Xunta inicie tamén un proceso descentralizador para revertir a despoboación?
As políticas para reverter a despoboación teñen que ser moito máis que poñer unha sede aquí ou alá e teñen, ademais, que estar impulsadas desde todas as administracións. Trátase de crear riqueza e emprego, servizos, dinamizar o tecido económico e social.
Teme unha revolta na sanidade galega como está a acontencer noutras comunidades?
O problema sanitario non obedece a poñer máis ou menos cartos, senón a que faltan especialistas de medicina de familia e a que as listas de contratación están a cero. Basta botarlle unha ollada á actualidade de calquera comunidade para comprobalo. Sabemos que na comunidade galega hai cousas que mellorar, e traballamos con diálogo para solucionalas.
Non é un segredo que vostede síntese moteiro. Gustaríalle percorrer Ourense na súa moto?</nav> </header> Encantaríame. Estaría en moto moito máis tempo do que estou. Ourense ten moitos sitios por descubrir, incluso para os galegos. Agora, co bono turístico, que revitalizou o turismo en Galicia, moitísima xente descubriu moitos lugares na propia terra. Ourense ten moitas cousas por descubrir e ten moi boas rutas para facer en moto.
A que hora se levanta e que é o primeiro que fai despois de ler La Región, xa que imaxinamos que é o primeiro que fai.
Despois de ler La Región, que xa trato de lela na cama (ri), vou correr, aínda que levo mes e medio no dique seco porque me lesionei. Para estar correndo ás 6,50 horas hai que levantarse ás 6,20, que é o que adoito facer. A partir de aí es outra persoa.
Cantas mensaxes ten no WhatsApp xa de mañá?
Non demasiadas, non podemos ser escravos do teléfono. Agora fago unha cousa que é bastante boa: cando vou a un acto deixo o teléfono no coche, en parte por respecto. Se pasa algo grave, xa me avisa a xente que vén comigo.
Hai canto non vai de viños?
Gústame moito cando vou a un acto fóra en coche, á volta, máis con tempo, sobre todo se é hora de comer, parar nun bar calquera ao azar. Así tamén coñezo á xente e ás aldeas. Gústame o viño, pero prefiro as cañas.
De Estrella Galicia, suponse.
Por suposto. Non só porque é galega, se non porque é a mellor. Xa invadimos o resto de España e outros países a base da cervexa. Todos estamos moi orgullosos cando a Estrella avanza fóra de Galicia.
De que viño é, de Rueda ou do Ribeiro?
Viños galegos. Temos magníficos viños en Galicia. Son todos moi bos e a proba está en que cada vez exportamos máis. Estar vendendo tanto viño é un orgullo. Encántame o viño galego, e, sen desprezar aos demais, creo que a quen lle guste o viño ten moita oferta aquí.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
EL MACHISMO NO CESA
La violencia de género no da tregua: 2,4 denuncias al día en Ourense
Los ingenieros agrícolas de Ourense renuevan su cúpula
Pepe Paz, presidente do Colexio de Enxeñeiros Agrícolas: “Temos que facer un novo rural con mais industrias agroalimentarias”
UNO MENOS QUE EN 2022
Ourense se acerca a su récord de colisiones provocadas por animales
CULTURA EN EL RURAL
La Red Provincial de Auditorios de Ourense alcanza los 7.500 espectadores
Lo último