O escritor Alfredo Conde, “galeguista integrador”, xa é ourensán predilecto

O alaricano adicou aos seus amigos e familia o galardón que lle outorgou este luns a Deputación: “A cultura ten que transmitirse”

Alfredo Conde (Allariz, 1945) xa é fillo predilecto da provincia de Ourense. O escritor alaricano, colaborador de La Región, gabouse das súas amizades do Posío, da súa muller e dos seus tres fillos, presentes este luns no salón de plenos da Deputación de Ourense que acolleu o acto de entrega do galardón. O autor emocionouse no seu discurso, adicado aos seus seres queridos, aos que deixará o seu “legado”. Conde lembrou a seu pai, que no século pasado foi proposto para unha medalla por evitar un brote de varíola na provincia de Ourense. Tamén a súa nai, que exercera de pedagoga no primeiro centro educativo mixto de Pontevedra, “onde nos sesenta xa ensinaba o galego”. O alaricano sinalou que seus pais “non foron debidamente recoñecidos, a eles recorre a miña memoria hoxe. Eles fixéronme como son”.

Conde ostenta premios de alto nivel como o Nacional de Literatura, o Nadal ou o Julio Camba de xornalismo. As súas obras foron traducidas a idiomas como o chino ou o ruso. O alaricano segue exercendo o oficio na Atenas de Galicia. Porén, non é membro da Real Academia Galega, unha cadeira que o seu amigo, o escritor Xosé Carlos Caneiro, reclamou para el na laudatio: “É unha infamia contra Galicia e contra todos os galegos, unha aldraxe, unha infamia irracional impopia dunha institución pública”.

USO DO GALEGO

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recitou o último parágrafo do capítulo 12 de “Xa vai o griffon no vento”, obra coa que o homenaxeado gañou primeiro o Premio Blanco Amor de Novela Longa e despois, xa traducido ao castelán, o Nacional de Literatura. “É autor de 69 obras onde Ourense sempre está presente. Forma parte activa da ourensanía, integrou o grupo de galeguistas que contribuíron ao noso estatuto hai xa catro décadas, cando todo estaba por facer”, subliñou Baltar, que anunciou que a Deputación desenvolverá unha iniciativa similar á elaborada no Concello de Ames para coñecer o estado do uso da lingua galega a través dun traballo de campo con sociolingüistas e expertos.

photo6033026873363118489

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou o papel de “galeguista integrador” exercido por Conde: “Había un cuarteto de deputados procedentes do galeguismo independente do que formaba parte o que hoxe recibe a merecida homenaxe da súa xente. A presenza de Alfredo Conde, Ramón Piñeiro, Carlos Casares e Benxamín Casal tiña o significado de representar a continuidade e unha maneira grata de entender a devoción por Galicia, intensa e ao tempo afable”.

Feijóo tildou a Conde de “pioneiro da moderna literatura galega de hai 40 anos” e “creador de mundos propios nos que Galicia e Ourense están sempre presentes nun home que é profeta na súa terra, algo moi difícil”.


AOS AMIGOS

O escritor homenaxeado, emocionado durante o acto de celebración como Fillo Predilecto da Provincia de Ourense, adicou as súas verbas finais aos “rapaces que fixemos o noso bacharelato no instituto do Posío, en tempos difíciles, os inmediatos á cruel Guerra Civil que nos enfrontou”. Neste senso, Conde destacou esa “unión fraternal, necesaria e exemplar para o resto da sociedade. A provincia maltratada que era aquel Ourense, sen luz eléctrica e suministradora de man emigrante, aportou médicos, enxeñeiros, militares, xuíces, políticos ou empresarios. Eu levo saído máis nos papeis, pero non levo feito máis do que vós fixestes. Outros tamén merecerían este recoñecemento”.

Por último, Alfredo Conde declarou o seu “amor pola terra” e a necesidade de que as culturas, como a galega, se “transmitan”, como única maneira de que fiquen para sempre.

Te puede interesar