Non pasaran aínda 48 horas dende o fatídico accidente ás portas da capital de Galicia cando Ourense despedía a dúas das catro mulleres falecidas. A cidade chorou a Carolina Besada e Pereiro de Aguiar, a Ana María Álvarez.

Ana e Carolina reposan na súa terra

Os pais de Ana Alvarez, conmocionados, detrás do coche fúnebre que traslada o féretro (á dereita) ó interior da iglesia de Melias. (Foto: FOTOS: MARTIÑO PINAL)
O verdadeiro drama dos números en sucesos capaces de encoller a alma de todo un país é que detrás deles agarda unha historia, unha vida, unha ilusión, unha familia e todo un universo particular dentro do que cada persoa se torna imprescindible. Nisto non hai excepción posible e todos eses micromundos acompañaban ós máis de 200 pasaxeiros que viaxaban no tren cara o noroeste de Galicia e onte moitos deles tiveron que despedirse para sempre.
O episodio máis tráxico da historia galega ten en Ourense catro nomes propios de muller. Dous deles son Ana María Álvarez Carballo e Carolina Besada Garrido. Ningunha das dúas chegou ó seu destino e, agora, as dúas están de volta na súa terra, descansando para sempre.

O primeiro funeral que vivía a provincia era o da máis nova das víctimas. Carolina Besada tiña 18 anos e a vida case por comezar. O seu nome xa saira neste mesmo xornal o día 22 de xuño para anunciarlle o aprobado nos exames de Selectividade. Un mes despois, a súa busca foi pouco menos que a máis mediática pola incansable progresión viral que foron tomando as mensaxes da súa irmá Marta. Foron horas de dolorosa espera que finalizaron coa fatídica conclusión do seu falecemento. O corpo da moza chegou ben entrada a noite a Ourense e foi velado ata pasado o mediodía de onte no tanatorio das Burgas e partiu para ser incinerado en Santa Mariña. A viaxe de Carolina Besada tivo como parada final a igrexa de Santo Domingo, onde familiares, amigos e autoridades se despediron dela nun funeral multitudinario.


BÁGOAS EN MELIAS

Ana María Álvarez criouse en Ourense, pero Melias era a terra dos seus pais e a onde ela viaxaba con frecuencia dende A Coruña. Na cidade herculina traballaba como funcionaria e o mércores, ó finalizar a xornada, chamou ós seus pais -con quen pasaban uns días as netas- para que lle acercasen á filla á estación do Empalme. A idea era chegar, recoller á nena e acudir á comuñón dunha amiga. A historia do tren no que partiron é de sobra coñecida e no enterro, celebrado na parroquia de Santa María de Melias, non se falaba máis que dela e do accidente.

Non hai dúbida da magnitude de tristeza coa que a familia, amigos, compañeiros e coñecidos de Ana María acompañaron ó seu corpo ata o camposanto. Con todo, dentro deste sentimento o entorno da falecida tamén recibiu un refacho de alento: a noticia de que a pequena, que ata onte figuraba na lista de víctimas en estado crítico, foi trasladada á planta do hospital e é posible que estean pensando xa no seu traslado a Ourense.

Por esta parroquia de Pereiro de Aguiar pasaron durante o día diferentes autoridades para darlle o pésame á familia Álvarez Carballo. Xa pola tarde, momentos antes do enterro, contábanse por ducias os coches e ata alí mesmo chegou algún autobús da Coruña, onde Ana María residía co seu home e dúas fillas -a que ía con ela no tren, de oito anos, e outra de 12-. Veciños e compañeiros da muller acudiron abatidos a darlle o último adeus.

Te puede interesar