Reportaxe

O Arquivo Histórico colle osíxeno: "Son os mellores equipamentos de Europa"

O director do arquivo, Pablo Sánchez Ferro, fai de guía polo complexo de San Francisco no que se palpa a inminente mudanza de 54.000 fondos; un proxecto castigado con dúas décadas de atrancos. Hoxe son as primeiras visitas guiadas.

Dezasete anos despois, hai luz ao final do túnel. A reflexión é de Pablo Sánchez Ferro, director do Arquivo Histórico Provincial de Ourense, dende unha imponente sala de depósito de fondos que, no claustro de San Francisco, espera encherse co inminente traslado de 54.000 documentos, unha mudanza que xestiona a Xunta con 100.000 euros de inversión. "Son os mellores equipamentos de Europa. Por fin é tanxible". Sánchez Ferro manexa a modernidade dos aparatos que albergarán a historia da que forma parte seu avó, Xesús Ferro Couselo, fundador do arquivo. A satisfación dun proxecto de traslado castigado con case dúas décadas de atrancos é dobre: laboral e persoal. O novo Arquivo Histórico Provincial de Ourense ábrese á cidadanía coas primeiras visitas s un espazo cultural "para unha cidade que sempre quixo a cultura". 

"O arquivo levaba moito tempo hipotecado, sendo un dos arquivos históricos provinciais máis importantes do estado, polos fondos privados de institucións relixiosas", relata o director durante a visita a un arquivo que pasará de cinco kilómetros lineais de fondos "a 21 nos próximos anos". Os arquitectos son Xosé Manuel Casabella e José Luis Martínez Raido e a obra final foi encargada á empresa ourensá Copasa.

O antigo reflectorio dos monxes, case á entrada, acollerá unha exposición que pon en contexto o edificio. "É unha simbiose espectacular. Despois da Catedral, o claustro é o edificio máis importante da cidade". Haberá outra mostra permanente sobre os fondos en dous pisos. "Con facsímiles, audiovisuais, retroiluminación...". Isto será na sala capitular, a xoia do edificio, que impacta nunha primeira ollada.

Taller de restauración

Unha das novidades é o taller de restauración, inexistente na anterior ubicación. Tamén a sala de investigadores, cun gran espazo. "A satisfación é persoal porque son neto de quen fundou o arquivo e tamén polo traballo feito, dende os directores anteriores ata os técnicos e o persoal. Teño moitas ganas de futuro, hai moito horizonte para facer cousas. Estabamos moi limitados e agardo que poidamos dar unha oferta cultural ampla para a cidade, merece algo así. Tamén é osíxeno". Nunca mellor dito: "Hai documentos que teñen 30 anos e xa tiñan que estar no arquivo e non estaban por falta de espazo". 

Que diría Xesús Ferro Couselo? "Meu avó estaría moi satisfeito de ver isto. El rescatou fondos incluso de galiñeiros e vanse manter para xeracións futuras". Outra boa nova: "A miña previsión de persoal sería pasar de 18 a 30 empregados". 

Te puede interesar