XUNTA DE PORTAVOCES

Atropelos, transparencia ou infraestructuras, entre os temas da Xunta de Portavoces

Os portavoces tamén analizarán este martes cuestións vinculadas aos orzamentos municipais ou a seguridade

A primeira Xunta de Portavoces do presente ano 2016 terá lugar mañá, martes, ás 11.30 horas, na Alcaldía. Tal e como consta na orde do día deste encontro de traballo, os portavoces abordarán cuestións orzamentarias, de transparencia, seguridade e infraestruturas, así como todo aquelo que teñan a ben transmitir os representantes dos diferentes grupos municipais.

O primeiro punto que se abordará será a modificación dos prazos de publicación e dos modelos de declaracións de interese dos membros da Corporación. Trátase dun aspecto relacionado coa Transparencia e no que o Goberno Municipal aboga por manter esta publicación na web durante os 365 días do ano, e non só durante 15 días, como estaba establecido nos últimos anos no Concello de Ourense.

O seguinte aspecto que se abordará estará relacionado cos Orzamentos Municipais para 2016, coa intención de recabar as propostas e inquedanzas dos grupos municipais.

Tamén se tratará a situación do Irmanamento coa cidade francesa de Quimper, que este ano cumpre o seu décimo aniversario.

Outro dos puntos contemplado na orde do día é o rendemento de contas sobre o Plan de Obras I executado dende o Concello de Ourense.

No encontro dos portavoces tamén se dará conta do informe do compromiso de Acuaes en relación á adecuación da parcela da antiga EDAR de Reza.

Aproveitarán tamén os portavoces para extraer conclusións en relación ao informe sobre os atropellos acaecidos na cidade nas últimas datas, co fin de establecer posicionamentos de cara á próxima convocatoria da Mesa de Mobilidade, que será este venres ás 09.00 horas no Centro Cívico da rúa Colón.

Por último, os portavoces analizarán a solicitude do Grupo Municipal do PsdeG-PSOE sobre o expediente de honra a Pedro Zerolo.

Te puede interesar