O que foi líder do nacionalismo galego recibiu onte o XXVII Premio Trasalba de mans de Olga Gallego

Beiras confesa que a súa xeración é deudora da ‘heroica teimosía’ de homes como Pedraio

Xosé Manuel Beiras tras recibir el galardón. (Foto: Rosa Veiga)
No Pazo de Ramón Otero Pedraio, na compaña de amigos como Díaz Pardo, Xosé Ramón Barreiro, Ramón Villares, Olga Gallego ou Víctor Freixanes, recibiu Xosé Manuel Beiras o XXVII Premio Trasalba. Ninguén tivo que explicar por que recaía o galardón no ex portavoz nacional do BNG, e lenda do nacionalismo. Ninguén desexaba falar obviedades. No discurso de aceptación, Beiras glosou o seus encontros na infancia con don Ramón, cuxa traxectoria determinou ‘aquilo que acabou sendo a miña xeración’.
‘O Beiras’ retrocedeu á infancia, entrou no escritorio de seu pai e ficou mirando o tríptico que presidía a habitación. Á esquerda o retrato de Castelao, á dereita o de Risco, no centro Otero Pedraio. Xosé Manuel Beiras, pasado e presente, historia viva do nacionalismo galego, mergullouse onte no fondo da súa biografía para corresponder ao recoñecemento que a Fundación Pedraio lle facía.

Beiras saíu á busca de don Ramón nun discurso que atopou ao Patriarca primeiro na iconografía familiar, empoleirado con Castelao e Risco no estudio do pai. ‘Aqueles rostros aprendéronme cal era a miña nación: a nación negada, esmagada. Levas camiño de comprendelo, dicíanme os ollos dos tres’.

Pero tamén houbo unha presenza física de Pedraio na súa carreira. ‘Aquela ergueita figura, con verbo ramalloso, acompañaba os encontros galeguistas aos que eu asistía cos meus pais’. Citou as misas rosalianas, cada ano por xulio. As únicas misas, daquela, nas que ‘todos os asistentes eran antifascistas’. Alí xuntábanse Pedraio, Del Riego, Bouza Brey, Couselo, Illa Couto, Cunqueiro...’ ‘Enterraron semente’ O home que levou o BNG a cumes de representatividade non igualadas, sinalou a Otero como un home do 68 avant la lettre, e unha peza básica de Nós. Unha Xeración que ‘foi máis ca unha aventura intelectual, foi un heroico proceso de autodescolonización idiomática, cultural e ideolóxica’.

O compromiso identitario profesado por Nós e Pedraio, enfatizou Beiras, ‘apousa nos alicerces da construción de Gali cia como nación’. Negar a identidade nacional equivaldría a ‘borrar do mapa’ a Rosalía, Castelao e Ramón de Trasalba.

O señorito da Reboraina lembrou cómo o porvir lle tiña reservada a Nós a traxedia, o silencio, o exilio, o asasinato. A represión esborrallou unha gran obra. Pero daquela os fascistas ‘non enterraron cadáveres, senón semente’. Por esa razón ‘á heroica teimosía daquela xente débello todo a miña xeración’.

Estivo Beiras rodeado no Pazo de Trasalba por amigos, camaradas, admiradores e autoridades autonómicas e provinciais. Diante de todos mesturou a incertidume de non saber que porvir agarda por Galicia, ‘que xa non é un país de ananos, aínda que os ananos apoleiranse hoxe no poder’, coa fe na loita, ao asegurar que ‘non desertaremos. Todo está por refacer’.


Te puede interesar