Bienvenido, o ourensán que prepara a sangría favorita de Carrie Bradshaw
OURENSE POLO MUNDO
Bienvenido Álvarez, natural do concello ourensán de Quintela de Leirado, estivo á fronte do Restaurant Sevilla, en Manhattan, Nova York, preto de cincuenta anos. Por aquí pasaron rostros coñecidos como os Rolling Stones ou o reparto de ‘Los Soprano’ para desfrutar de pulpo á feira e viños do Ribeiro
Bienvenido Álvarez (Quintela de Leirado, 1932) é un dos milleiros de ourensáns que engordan aínda as cifras da emigración da nosa provincia. Hai arredor de medio século, fixo as maletas e un 12 de xuño puxo rumbo a América para "darlle unha carreiriña aos fillos", pois coas poucas oportunidades que daquela había na súa aldea natal "facíaseme un pouco difícil".
O destino elixido foron os Estados Unidos, onde a el e a súa muller, Felisinda, os agardaban o irmán da esposa e a súa familia, coa cidadanía americana, o que axilizaba os trámites para a residencia deles. "Chegamos xa coa documentación na man. Por iso fumos para alá, éranos máis fácil empezar, e daquela os Estados Unidos estaban ben, cun soldo podíase facer bastante", explica Bienvenido.
Tras unha benvida por todo o alto -"os amigos dos meus cuñados recibíronnos de marabilla, veu todo o mundo esperarnos ao aeroporto"-, o matrimonio instalouse en Newark e Bienvenido comezou a traballar na construcción. A inseguridade da zona era un asunto que lle preocupaba, xa que eran habituais os atracos a man armada. "Un día saía do garaxe e roubáronme mil dólares que levaba no bolsillo. Ao pouco mataron a dúas persoas na mesma rúa onde viviamos e collín medo. Empecei a buscar outra seguridade e compramos unha casa nun lugar máis seguro de Newark".
"Traballar na construcción non era para min", acabou pensando Bienvenido. Sabedor de que o idioma sería clave para atopar oportunidades en sectores profesionais mellor remunerados, anotouse na Spanish-American Institute para recibir clases de inglés, cando xurdiu a oportunidade que cambiaría a súa vida. "Mentres ía á escola comecei a traballar no Restaurant Sevilla, en Nova York, onde o meu primo era un dos socios, pero a sociedade rompeuse e entrei eu", explica.
"Había días nos que tiñamos a vinte persoas esperando fóra por unha mesa"
Motivados polo cambio de rumbo profesional de Bienvenido, el e Felisinda mudaranse á cidade máis poboada dos EEUU. E desde os inicios, a relación entre os socios do restaurante foi magnífica. "Non tivemos nunca unha discusión, levámonos de marabilla", lembra. En pleno corazón da illa de Manhattan -"no 62 de Charles facendo esquina ca calle 4, na parte vella da cidade"- daban comidas sen descanso desde as 12,00 horas: "Había días nos que tiñamos a vinte persoas esperando fóra por unha mesa".
Caldo, pulpo e viños DO Ribeiro
A carta do Sevilla inclúe os pratos máis referenciais da gastronomía galega e española: polbo á feira, paella, arroz con polo, ... "pero o que máis se vende é o caldo, moito. Facémolo tan como aquí, ou mellor!".
"A Sarah Jessica Parker encanta la sangría, venía a menudo a comprarla para llevar a su casa, y al día siguiente volvía para entregar los recipientes", cóntanos a neta
Atraídos polo nome do local, chegan ao Sevilla os turistas do Village, unha das zonas máis visitadas da cidade de Nova York, pero tamén xente local, entre eles, grandes estrelas da escea cultural -que é global-. Desde actores e actrices a cantantes e grupos de música recoñecibles para todos. A lista é longa, pero axudado por Andrea, a súa neta, que nos acompaña na entrevista, Bienvenido vai lembrando. "Brad Pitt venía con Gwyneth Paltrow cuando eran pareja; estuvieron también The Rolling Stones, Bon Jovi, los actores de la serie 'Los Soprano'...". A actriz Sarah Jessica Parker compartía co personaxe de "Sexo en Nova York" non só a súa paixón pola moda, senón tamén o amor polo vecindario. "Le encanta la sangría, venía a menudo a comprarla para llevar a su casa, y al día siguiente volvía para entregar los recipientes", cóntanos a neta, que actualmente reside nesta mesma cidade estadounidense. "Sangría vendemos... eso mete medo! E son xerras ben grandes! A xente segundo entra pola porta xa nola pide", explica Bienvenido.
Non todos os famosos que se pasaron polo Restaurant Sevilla son lembrados con agarimo. Nunha ocasión viuse obrigado a botar do local a un cliente que pretendía cear en albornoz e calzón: era o director de cine Quentin Tarantino.
Foron cinco décadas en Nueva York, unha vida enteira, nas que Bienvenido pensaba acotío na Ourense que deixara atrás. A provincia estaba presente non seu día a día na carta do restaurante: "temos viños de toda España, tamén algún do Ribeiro".
Para non perderse nada do que acontecía na súa terra natal, lía con regularidade a prensa, especialmente La Región. "Tiven moita morriña, levei a Galicia sempre no corazón, e tamén a aldea, pero agora xa non queda ninguén". Agora está instalado de novo en Ourense onde desfruta dunha etapa máis relaxada, pero non descarta regresar ao que foi o seu fogar durante a metade da súa vida.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último