Os candidatos, de reflexión termal

Fernández, con González e un amigo. (Foto: JOSÉ PAZ)
Era o día da reflexión e, para poder pensar, canta menos actividade, mellor. É por iso que os tres candidatos ourensáns, Rosendo Fernández, Francisco Rodríguez e Isabel Pérez, escolleron o descanso e a familia como eixo en torno ó que xirar o día previo ó definitivo.
A zona escollida non podía ser outra. Os tres levan nos seus programas un punto no que o termalismo é fundamental para o futuro da cidade e, por iso, foi a zona termal a escollida para pasa-la mañá, paseando uns, correndo outros e sentándose a mollar os pés a terceira.

O día do candidato do PP, Rosendo Fernández, comezou ás carreiras co seu compañeiro de lista Bernardino González e un amigo. Saiu da súa casa, no barrio do Vinteún, como adoita facer unhas tres veces por semana, para completar un percorrido de 10 kilómetros co que se mantén en forma. O vestiario, deportivo, non podía ser doutro xeito. Unha camiseta publicitaria dun evento co logotipo da Tenencia de Alcaldía, que 'vai desaparecer', indicou. Sobre ela, unha chaqueta da Selección Arxentina de hockey, 'un regalo'. O circuito de Fernández, que botaba xa de menos despois destes días de campaña, rodea a zona termal de Outariz, pero chega tamén ata O Tinteiro. Por alí pasou dicíndolle 'chao' a Isabel Pérez, que se atopaba cos pés baixo o chorro de augas medicinais. 'Viñen porque teño os pés destrozados', afirmou a candidata do BNG, ó que unha señora, que practicaba o mesmo exercicio ó seu lado, respondeu: 'Tes, miña nena, tes'.

Polo paseo que discorre á beira do Miño deixouse ver tamén o candidato socialista, Francisco Rodríguez, acompañado da súa muller. En chándal, tamén, pero coas iniciais FRA (Francisco Rodríguez Alcalde) estampadas no pantalón.

As comidas dos tres candidatos foron en familia. Francisco Rodríguez, ademais de coa muller, coa súa neta. Máis tarde, convidado polo centro comercial aberto Ourense Norte, acudiu como espectador a unha pasarela de moda. A sobremesa de Isabel Pérez dedicouse á tecnoloxía, a 'pór ó día o facebook e o correo electrónico', pero aproveitou tamén para pasear polo casco histórico, 'como fago cada fin de semana'. Rosendo Fernández acudiu con José Luis Baltar á romaría dos Gozos e foi ó funeral dun amigo primeiro e á confirmación dun sobriño despois. Tanto o candidato popular como a cabeza de lista do BNG en Ourense cearon con membros da candidatura no centro da cidade.

Te puede interesar