O desecamento hoxe non tería lugar, en 1958, o réxime de Franco non pensaba igual. O anegamento de moitos territorios fértiles froito da rede de encoros para a produción de enerxía eléctrica esixía acadar espazos para o cultivo

Cando o réxime desecou a Lagoa

A histórica teima co desaugamento da Lagoa, encadrada entre os concellos de Vilar de Barrio, Sarreaus, Xinzo de Limia, Vilar de Santos, Sandiás e Xunqueira de Ambía, nun evocador escenario de auga estanca de 35 quilómetros de gran valor, ecolóxico e cultural, ven de lonxe.
A historia, nun territorio arrodeado de suaves montañas, retrotráenos, como non podía ser doutro xeito, aos tempos da romanización. Entre outras cuestións porque o nivel de presenza do Imperio foi importante, a zona foi área de paso da vía XVIII do itinerario de Antonino. Ao vello canal existente -17 metros de ancho, 1,5 metros de profundidade- que facía labores de drenaxe e que recibía outros secundarios, servidor lle presupuña un pasado romano, aínda que Xulio Rodríguez, director do Museo Arqueolóxico Provincial móstrase reticente a semellantes aseveracións, a arqueoloxía demanda sempre probas claras e contundentes, 'se a Lagoa fora desecada en tempos da romanización, posiblemente a Ponte das Poldras non estaría onde está, a Vía Romana igual pasaba por outro sitio, non por onde pasa. Non temos ningún indicio que constate que a Lagoa foi desecada en época romana.'


A LAGOA SEMPRE EN MENTE

Os intentos de desaugar a zona na procura dunha mellora de rendibilidade tamén están presentes desde mediados dos século XVIII. A Real Academia de Agricultura demandaba para a zona, nesa época dependente do conde de Monterrei, un desaugue axeitado; no 1827, o entón correxedor de Xinzo, Juan de Toubes, iniciou obras -50.000 reais da época- de limpeza da canle; máis tarde, 1831, foi o cóengo cardenal de Ourense, Juan Manuel Bedoya, que apareceu cun plan de desecación; lle seguiron Toribio Iscar Sáez, 1864; a marquesa de Langueville, 1888, dama inglesa que rematou por arruinarse; así até chegar a Conde Valvís, cun dos proxectos en aparencia máis interesantes sen alterar en demasía. A idea era construír unha rede de comportas estratexicamente situadas?'un canal continuo de cintura' que vertera no río Limia e servira non só para regular a auga senón tamén para inundar determinadas zonas no inverno que preservaran os pastos e aportar nutrientes ao terreo. O proxecto foi presentado nun congreso de 'Servicios Técnicos de la Falange' celebrado en Bilbao, pero este pasa ao salón dos xustos. A Limia nesa data era unha importante comarca gandeira con unha cantidade de cabezas de gando, que Conde Valvís cifraba en 14.628 reses. O derradeiro proxecto, o posto en marcha polo Instituto Nacional de Colonización deu o traste tamén coa aquela estampa de vacas pastando, e sonados bois da Limia.

As obras de desecación son declaradas por lei de 'alto interés nacional', entre outras cuestións polos fracasos históricos, poñendo sobre o terreo a máis 'importante maquinaria' do Instituto Nacional de Colonización, 'el más importante de Europa'- a linguaxe dos informes franquistas non ten desperdicio.


DIRIXIDAS POLO RÉXIME

As obras dirixidas polo enxeñeiro de camiños, Francisco Zapata, están 'orientadas con gran sencillez y claridad, siguiendo la única directriz verdaderamente lógica, económica y constructiva', anunciaba o réxime nunha publicación. Executadas en diferentes fases por cuestións de escalonar as inversións e 'estudiar el comportamiento del terreno saneado y aguardar los resultados de los cultivos', alomenos no plano teórico. A primeira fase consistiu en encouzar o río Limia e sanear e desecar a lagoa levando as augas cara o leito do río a través duns canais que incluían a drenaxe da filtración dos terreos da propia Lagoa. A segunda, a que consistía na acometida de obras de transformación de regadío, 'con el aprovechamiento integral de la cabecera del río Arnoia mediante la construcción de una presa embalse en Riobó', foi un espellismo, a presa, na que tamén se tiña pensado un aproveitamento hidroeléctrico, nunca se construíu, entre outras cuestións porque o desfase económico xa era importante. A terceira das fases, a consistente na incorporación de colonos non tivo éxito, e as parcelas vendéronse a agricultores locais.

A obra foi o gran fracaso como infraestrutura hidráulica, os estudos realizados para valorar a incidencia no territorio non foron rigorosos, non se tivo en conta a constitución edáfica do terreo, de base areosa e con escasa compoñente de arxila, o que fai que a auga e os compoñentes nutricionais flúan cara as capas inferiores.

Os propios técnicos do réxime nun estudo solicitado polo IRYDA, tal como conta Martínez Carneiro, coordinador dese proxecto referencial no estudo da zona, 'A memoria asolagada' (1997), no ano 1971 nun informe sociourbanístico da zona de A Limia, afirmaron 'ha sido una burrada técnica, no sólo han bajado la capa freática de la laguna, sino también la de los suelos limítrofes'. A excesiva profundidade na rede de drenaxe agudizou o problema, a base da capa freática baixou o nivel de todas as zonas chairas, as veigas xa non recibían os aluvións das riadas, perdeuse a humidade, e no estío necesítase unha gran cantidade de auga para garantir as plantas.

Te puede interesar