CULTURA

Catro volumes recollen a obra completa de Prado ‘Lameiro'

A Deputación editou a colección, que amosa o compromiso de ourense coa galeguidade

O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense acolleu onte a presentación da obra completa de Xavier Prado "Lameiro", un proxecto promovido pola Coral De Ruada, agrupación musical á que pertenceu o autor formando parte da súa xunta directiva, e editado co apoio da Deputación de Ourense e da Consellería de Cultura. O acto de presentación contou coa presenza do presidente da Deputación, Manuel Baltar; do presidente da Coral De Ruada, Eladio Quevedo, e do autor da introdución á obra de Prado Lameiro, Delfín Caseiro.

O traballo presentado recolle toda a obra de Xavier Prado "Lameiro", na que destaca o seu compromiso social coa realidade e a galeguidade do seu tempo. Así o subliñou Baltar ó afirmar que Prado Lameiro "mantivo unha constante actividade social que se viu reflectida na súa obra, un compromiso que hoxe nós queremos que sexa cultural coa edición destes volumes que amosan o apego do autor á súa terra".

Os asistentes lembraron que falar de Xavier Prado "Lameiro" "é falar dun ourensán que ven a ser a expresión desa "república ourensá" ateigada de poetas e de artistas, en palabras de Baltar Blanco.

Lameiro, nado en Ourense o 12 de setembro de 1874, combinou a súa profesión de veterinario coa súa faceta de xornalista, autor teatral e poeta, "sendo tamén unha figura clave do rexionalismo galego de principios do século XX, dentro das Irmandades da Fala", explicou Delfín Caseiro, engadindo que o seu compromiso político e social "levouno a recuperar, no ano 1917, a publicación do semanario O Tío Marcos d'a Portela, a que fora publicación de referencia na Galicia de finais do século XIX por obra do admirado mestre do xornalismo galego, Valentín Lamas Carvajal".

A contribución de Prado "Lameiro" a esta nova etapa de O Tío Marcos d'a Portela resulta determinante, xa que aparecen reproducidas unhas 50 composicións poéticas do autor, que foron compiladas entre 1918 e 1928 en dous libros de poesías.

Así mesmo, a pegada de Xavier Prado "Lameiro" pode verse claramente nunha sección, máis ou menos fixa e sen sinatura, titulada Parolas formás d'o Tío Marcos, dirixida habitualmente a labregos e gandeiros, os que animaba a mellorar as súas prácticas e, sobre todo, a unir as súas forzas en asociacións profesionais. "Este compromiso social de Xavier Prado "Lameiro" –explica Delfín Caseiro- cristalizou nun estilo costumista, humorístico, irónico e ruralista, que lle permitía reflectir perfectamente os modos e comportamentos dos campesiños".

Tamén salienta a relación entre Prado "Lameiro" e a Coral De Ruada, que se amosa na obra presentada onte, obra conformada por un tomo introductorio escrito por Delfín Caseiro e catro volumes nos que se reúne a obra completa deste autor, dunha parte as dúas obras poéticas A Carón d'o Lume (1918) e Cóxegas e Moxetes (1928) e doutra parte as dúas obras que recollen a súa produción dramatúrxica, Monifates e Farsadas, ámbalas dúas do ano 1928.

Te puede interesar