ENTREVISTA

Lorena Conde: "A condición obreira acentúase na muller, que lidia co machismo e o capitalismo á vez"

2020092522584377436
photo_camera A gañadora Lorena Conde
Lorena Conde é a gañadora da 36ª edición do Premio de Poesía Cidade de Ourense coa súa obra "As puntas da Louza. Cancioneiro popular de labor"

Lorena Conde é a gañadora da 36ª edición do Premio de Poesía Cidade de Ourense. A súa obra "As puntas da Louza. Cancioneiro popular de labor" foi a premiada con 6.000 euros e o recoñecemento do galardón. A pontevedresa, dramaturga de profesión, introduce ao lector no problema das obreiras e coloca os coidados no centro, facendo unha crítica contemporánea da muller no sistema capitalista. Entre outras cuestións  fai un percorrido pola maternidade, o traballo, a autoridade sobre o propio corpo e o corpo como materia prima para a maquinaria capitalista . 

Por que fai esta crítica?

Son obreira, filla e neta de obreiras. Adícome a labores relacionadas coa cultura e a cultura non permite sobrevivir a ningunha das súas traballadoras, xa que ademais téñense que adicar a outras cousas a maiores para sobrevivir. A nosa forza de traballo é o que o mercado quere de nós pero do xeito máis barato posible. É unha crítica desde a clase obreira que se acentúa no caso das mulleres, polo dobre problema de ser mulleres nun mundo machista e de ser obreiras nun mundo capitalista.  

En que se inspira á hora de escribir?

Inspírome no cotián. A poesía é outra forma de traducir o que vivo todos os días. É a miña compresión do mundo, que tento transformar de xeito que sexa accesible. Sempre coidando o significado das palabras e os acabados.

As palabras teñen máis forza polo seu significado que polo seu significante?

Impórtame moito o significado, sobre todo porque os significados son unha cousa variable dependendo de quen lea, pero tamén presto atención a musicalidade das palabras. Traballar con ese concepto, pero non cun esquema rítmico, nin métrico concreto.

O xurado destacou do poemario “a calidade lingüística e a estética coidada”. Hai perigo de que se romantice o tema que trata?

A poesía serve para manter certa distancia coa realidade e vela dun xeito máis descarnado. Neste libro non hai nada romántico senón que é bastante cru. Está escrito dende as entrañas, falar dunha realidade queme parece actual. Na crueldade moitas veces hai fermosura, pero non perigo de romantizar.

De que maneira hai beleza na crueza?

No modo de mirar, hai imaxes máis bizarras, máis extrañas, incluso impactantes que son moi interesantes pola súa estética habitualmente considerada fea.

O feminismo e o anticapitalismo seguen sendo temas arriscados á hora de escribir?

É unha mensaxe que ao mellor non gusta escoitar, hai unha consideración de que falar do cotián é cansino, pero sen embargo a min son as cousas que me interesan.

A poesía actual pode permitirse ser parnasianista?

Eu non sei selo. O persoal é o político, e paréceme moi dificil afastarse da realidade, aínda a través da arte. Procuro non ser panfletaria, pero si reflexar a inxustiza e ser un incentivo para seguir loitando. n

Faga unha recomendación poética.

En Galicia hai poetas moi boas como Emma Pedreira ou Eli Ríos, recomendo as súas obras. 

Te puede interesar