Deputación e Xunta reactivan a súa alianza contra os lumes

José González, conselleiro de Medio Rural, e Manuel Baltar, presidente provincial, durante a súa xuntanza.
photo_camera José González, conselleiro de Medio Rural, e Manuel Baltar, presidente provincial, durante a súa xuntanza.
Baltar e o conselleiro de Medio Rural analizaron as alternativas para a prevención de incendios forestais

Xunta e Deputación seguirán fortalecendo a súa alianza de colaboración en materia de lumes forestais, como xa fixeron en 2020 financiando a compra de maquinaria para a prevención de lumes cun investimento total de 900.000 euros. Esta é unha das conclusións da xuntanza que o presidente da Deputación, Manuel Baltar, mantivo onte no pazo provincial co conselleiro de Medio Rural, José González. 

Baltar expresou que esta cooperación "vímola mantendo desde hai tempo e nesa liña seguiremos, como fixemos este ano co convenio que permite aos concellos da provincia de Ourense contar con maquinaria municipal para as tarefas de prevención de incendios forestais, e con outra liña para a adquisición de maquinaria destinada aos concellos". 

Esta foi a primeira reunión do conselleiro de Medio Rural dentro da rolda de contactos que manterá con todas as deputacións provinciais para abordar a prevención de incendios forestais na comunidade. Neste sentido, lembrou que a de Ourense "foi a única deputación galega que aceptou colaborar en materia de incendios forestais o pasado ano", polo cal José González agradeceu ao presidente Baltar a colaboración institucional e aproveitou para enxalzar a intervención de medios municipais en labores de prevención e extinción. 

Ademais, manifestou a intención da Xunta de reforzar a formación destes profesionais, e lembrou que, dentro do plan que ten en marcha a consellería, unha das principais medidas céntrase en instruír aos traballadores adscritos á administración local que participan no operativo de extinción, para que poidan desenvolver as súas funcións contando coa adecuada cualificación profesional e coordinados cos medios dispoñibles a nivel autonómico.

Tamén no relativo á prevención, o conselleiro e o presidente da Deputación fixeron fincapé na importancia de seguir financiando conxuntamente a adquisición de tractores e rozadoiras aos concellos, para que poidan realizar labores de limpeza de matogueira nos seus respectivos territorios. Grazas a iso, fomentouse o mantemento e limpeza da maleza nas infraestruturas rurais de titularidade municipal e nas masas comúns das concentracións parcelarias, así como a xestión da biomasa nas redes secundarias de faixas de xestión en terreos de titularidade municipal ou descoñecida.  

Doutra banda, ambos dirixentes abordaron a posibilidade de renovar o acordo que facilita que a Deputación realice, co seu propio parque de maquinaria, tarefas de prevención de lumes.  

Asemade, no encontro avaliaron as capacidades do sector agroalimentario da provincia nesta etapa do Inorde coa nova xerencia. "Ábrense importantes posibilidades, tendo en conta que Ourense, como Galicia, é un territorio netamente rural e a cooperación e a comunicación fluída entre a consellería e a Deputación de Ourense fai posible que se sigan materializando proxectos de gran relevancia para a nosa provincia", conclúen dende a Deputación. 

A recuperación de terra agraria, clave para o asentamento rural

Noutra orde de cousas, na xuntanza tamén foi abordada a futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, actualmente en tramitación no Parlamento. Esta norma recolle o marco xeral para a xestión da terra agroforestal, a súa ordenación de usos e o fomento da súa recuperación, co fin de poñer a producir as terras abandonadas e infrautilizadas e de aportarlle base territorial suficiente a aquelas explotacións que a precisan, promovendo a continuidade das explotacións e a boa xestión das terras que as conforman. Este traballo de prevención fai posible anticiparse aos lumes forestais e traballar pola recuperación demográfica e polo asentamento no rural. 

 O titular de Medio Rural subliñou o peso dos polígonos agroforestais, que permitirán poñer a producir áreas de terra agraria abandonada ou infrautilizada e con boa capacidade produtiva, por iniciativa da administración ou de particulares. 

No caso da provincia de Ourense, xa están en marcha os dos concellos de Cualedro e Oímbra, cos que se espera mobilizar unha ampla superficie para diversas producións.

Ademais, o conselleiro trasladou que na provincia ourensá tamén se prevén outros catro polígonos para a plantación de viñedo, que se localizarán nos concellos de Carballeda de Avia, A Arnoia, Castrelo de Miño e Leiro, dando así resposta á demanda da Denominación de Orixe Ribeiro, no sentido de impulsar a recuperación de terras e a ampliación de superficie para o cultivo de viñedo na bisbarra. 

Te puede interesar