Ourense

Dúas ourensás gañan un premio de microrrelatos

BeFunky-collage (8)
photo_camera Paloma de Toro y Alba Guzmán, respectivamente.

Alba Guzmán e Paloma de Toro recolleron cadanseu galardón nun acto celebrado na sé da Real Academia Galega

A Real Academia Galega (RAG) e PuntoGal  entregaron onte os premios do IV Concurso de microrrelatos a nove historias de menos de 1.200 palabras. As gañadoras das categorías xuvenil e de adultos son dúas ourensanas: Alba Guzmán e Paloma de Toro, respectivamente. O propósito destes premios é reforzar a presenza da lingua e da identidade propias. Os presidentes de ambas institucións, Víctor F. Freixanes e Manuel González entregaron os galardóns nun acto celebrado  na sé da RAG.

A gañadora  na categoría de adultos, Paloma de Toro, de 36 anos, asegura que é “unha honra” recibir este premio, e destaca que está “moi ben premiar a quen pense e se exprese en galego, que nos nosos tempos é un acto revolucionario”. Tamén afirma que é un territorio “para dar visibilidade a xente neofalante ou que está comezando a expresarse en galego”.

 Sobre o texto, “Non te gastes”, comenta que o redactou a noite antes de que pechara o prazo, aínda que tiña “outros textos que escribo para min”. Conta tamén como decidiu comezar a compartir os seus escritos despois de asistir a un curso impartido pola escritora Montse Fajardo, que lle trasmitiu o seu ánimo a que compartise os seus textos.

O texto nace dunha acción cotiá, tapar un sofá cunha manta, un acto arraigado na vida de moitas mulleres e que se trasmite de xeración en xeración. Asegura que lle gusta “pensar en detalles, e que desas caviladas saíu este texto”. Tamén o seu primeiro libro, que se publicará en breve e titulado “A Receita do Queixo Luar” ten a orixe neses “pequenos detalles cotiáns”.

Alba Guzmán, a gañadora do premio xuvenil, ten unha concepción da escrita moi crítica e de reflexión social. O seu relato, “Bolboreta”, visibiliza a realidade das persoas transexuais e denuncia a discriminación que sofren dende a escola. Esta ourensá ten xa 17 galardóns polos seus escritos, tanto de poesía ou ensaio xornalístico, pero a narrativa breve é o seu xénero predilecto. “O que máis me gusta é o microrrelato e sempre procuro que teña algún tipo de mensaxe social”, conta Alba.

Ambas historias, xunto coas outras premiadas e as finalistas, foron publicadas na edición en papel de Luzes, que ademais agasallou unha subscrición á revista dixital. Ademais, as gañadoras recibirán distintos premios tecnolóxicos.

Te puede interesar