Cultura

Buciños recolle o Trasalba: "Grazas a don Ramón fago escultura que comunica"

photo_camera Manuel Buciños recibe en el Pazo-Museo Otero Pedrayo el premio Trasalba.
Recolleu o Premio Trasalba, unha peza agarimosamente chamada "Ramonciño" que fixo o propio artista

Manuel Buciños (Carballedo, Lugo, 10 de diciembre de 1938) confesou este sábado a súa débeda con Otero Pedrayo. Fíxoo na festa literaria que se celebrou na Casa-Museo do escritor, na entrega do Premio Trasalba 2020 que a Fundación Otero Pedrayo acordou conceder ao escultor –lucense de orixe pero ourensán de A Ponte de adopción–e cuxo acto se demorou pola pandemia. "Manolo" para os presentes –medio cento de persoas por mor das restriccións– recolleu emocionado un galardón que non ten contía económica, pero si valor sentimental a través da escultura do "Ramonciño",  a quen adicou as súas verbas trala insistencia do público ao berro de: "Manolo, fala!".

Reencontro con Galicia

"Cando saín da escola, eu quería facer arte provocadora. Pero cheguei a Ourense e coñecín a Don Ramón. Comezoume a falar de Galicia e metinme nesa Galicia que deixara hai moito tempo. Escultura galega. Custoume, pero conseguino. As esculturas teñen que falar, con todo o mundo. Cos meus veciños. Sen fronteiras. Grazas a Otero Pedrayo fago escultura que comunica, porque moita xente me di que a entende", dixo Buciños, que enviou unha aperta simbólica a tódolos que acudiron ao acto. Familiares, achegados e representantes institucionais.

Afonso Vázquez Monxardín, secretario da Fundación Otero Pedrayo, foi o encargado de ler a acta do 15 de maio de 2020, cando os membros do padroado se reuniron de xeito telemático para reflexionar se procedía entregar o premio pese ás circunstancias de incertidume por mor da covid. "En tempos de descacougo decidimos que había que continuar o esforzo de servizo a colectividade", dixo.

O Premio Trasalba 2020, por unanimidade, resultou para Manuel Buciños por cuestións como "a súa excelencia artística na renovación da escultura galega contemporánea, a súa xenerosidade vital e o seu compromiso de fidelidade á terra". "Buciños é, dende hai décadas, un dos escultores referencias do noso país. Os seus bronces adornan multitude de coleccións e de espazos públicos de Galicia e de fóra", subliñou Monxardín.

Víctor Freixanes, que precisamente este sábado foi reelixido como presidente da Real Academia Galega, louvou a Buciños como "un dos nosos grandes da escultura". 

Juan Luis Saco, presidente saínte da Fundación Otero Pedrayo, tivo un primeiro recordo para a falecida Luz Pozo Garza, a poeta á que se lle concedeu a pasada edición do Premio Trasalba. Tamén para o retrato de Otero Pedrayo que este sábado faltaba no balcón deseñado por Daniel Rodríguez Castelao na Casa-Museo do escritor ourensán. A peza, parte da mostra "Galicia, de Nós a nós", viaxa a Pontevedra. "Este premio é o máis xustamente entregado. 

Buciños soubo sacar proveito do trato coa xeración Nós", valorou Saco  Definiu o artista como "un home da súa terra , que conseguiu chamarse oficialmente como a súa aldea Buciños e converteuse nun ourensán do barrio da Ponte". Saco tamén confesou débedas, pero da Fundación Otero Pedrayo co escultor premiado. 

"A débeda máis especial é a simbólica de Trasalba. O Ramonciño", dixo en referencia á escultura que fixo o propio Buciños e que este sábado, despois de 38 anos de historia deste premio, lle foi outorgada a el. Con retranca, o escultor preguntouse "de quen será iso?" e, como recoñecido mestre do bronce, recolleu o seu "Ramonciño". Desta vez, máis seu ca nunca. 

A Casa-Museo do escritor acolleu a familia, xente da cultura e políticos

A historiadora da arte María Victoria Carballo-Calero, coñecedora da traxectoria de Manuel Buciños e amiga do escultor, foi a encargada de facer a laudatio. "Ao principio dos anos sesenta, apareceu en Ourense un rapaz delgado, con certo aire de melancólico e que se foi asomando ás tertulias. Non era pedante nin divo, tiña a sinxeleza do campesiño", dixo a historiadora, que falou da súa escultura como "un canto á vida".

A Casa-Museo de Otero Pedrayo acolleu a familiares, amigos, artistas e representantes das administracións públicas . Acudiron personalidades como Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia; Román Rodríguez, conselleiro de Cultura; Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense; Gabriel Alén, delegado da Xunta na provincia, e representantes doutras entidades. 

López Pereira, novo presidente da Fundación Otero Pedrayo

José Eduardo López Pereira, catedrático de Latín pola Universidade de Coruña, é o novo presidente da Fundación Otero Pedrayo. Así se acordou onte no pleno do patronato celebrado tralo Premio Trasalba, no que obtivo 24 votos a favor frente aos 4 que respaldaron ao outro candidato, Afonso-Vázquez Monxardín, actual secretario da fundación. 

López Pereira, natural de Trasalba, substitúe no cargo a Juan Luis Saco. No currículo do novo presidente, destaca a Dirección Xeral de Ordenación Universitaria durante o mandato de Manuel Fraga, a obtención do Premio Xesús Taboada Chivite e a dirección da  Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (Acsug). 

Te puede interesar