Os fóra de serie da robótica estudan no Divino Maestro de Ourense

Cinco rapaces de 3º da ESO de Ourense veñen de coroarse como os mellores do Concurso Galego de Robótica, celebrado na Coruña. Cos cartos do premio queren comprar un dron

Daniel, Carlos, Gael, Laura e Santiago son uns cracks da robótica. Estes alumnos de 3º da ESO do Colexio Divino Maestro de Ourense veñen de gañar o Concurso Galego de Robótica “A maxia da robótica”, promovido pola plataforma Igaciencia para impulsar o galego na ciencia. Os cinco rapaces, titorizados polo seu profesor de Tecnoloxía, Daniel, foron os mellores programando o seu robot de lego nun encontro celebrado na Coruña.

Os ourensáns acadaron o primeiro premio da edición número 14 dun concurso ao que se presentan centros educativos de toda Galicia. En total, 200 estudantes. No Divino Maestro non é a primeira vez que participan. Levan anos fomentando o uso da robótica nas clases. “É unha temática que lles motiva, levamos un robot á aula e poden probar cousas e van descubrindo a facelas. Os rapaces sinten esa curiosidade pola tecnoloxía”, explica o docente.

“Tiñamos que facer varios retos co robot, como facer que se movera, que xirase… Que seguise as ordes”, explica Gael, un dos galardoados. “Cada reto ía valendo puntos e pouco a pouco variaba a dificultade”, engade Laura, a única rapaza do equipo gañador. 

“Estamos encantados de que os nosos alumnos  puidesen coñecer o potencial da robótica e de que obtivesen este importante recoñecemento ó seu esforzo destes anos de traballo”, trasladan desde o Divino Maestro. Os 300 euros de premio para fomentar as habilidades tecnolóxicas e científicas xa están no colexio, co obxectivo de mellorar esta aprendizaxe tan práctica. Xa están pensando que facer cos cartos: invertir nun dron para seguir  fomentando as habilidades tecnolóxicas aprendidas na aula.

Te puede interesar