ENTREVISTA

“O fracaso escolar dos mozos con problemas sociais chega ata o 83%"

Ourense. 07-01-15. Local. Cid e Deibe Simo.
foto: Xesús Fariñas
photo_camera Ourense. 07-01-15. Local. Cid e Deibe Simo. foto: Xesús Fariñas

Deibe Simo, doutor en Educación Social

O ourensán Deibe Simo vén de presentar unha tese doutoral que, por primeira vez en Galicia, se realiza en torno á disciplina da Educación Social. Dirixido por Xosé Manuel Cid, o investigador pon en valor a necesidade de incorporar educadores sociais nos centros educativos para reducir a exclusión dos mozos en situación de dificultade social.

Que plantexa na súa tese?
O traballo de investigación versa sobre o proceso de fracaso escolar que afecta á mocidade que se atopa en situación de dificultade social. A tese parte de que o fracaso escolar é un traxecto longo que ten múltiples causas e parte tamén de que este afecta a aqueles rapaces que se atopan nunha situación vulnerable. Tendo en conta que as causas son variadas, a análise feita foi sobre as medidas correctoras que se realizan por parte do sistema educativo, e o que observamos é que este dá respostas cando se produce por motivos intrínsecos á persoa, pero non se estaba a dar para aqueles casos vencellados con problemas sociais.

Como analizaron esta problemática?
Mediante unha mostraxe, tentamos diagnosticar o fracaso escolar dos mozos en situación de dificultade social, e observamos que nas situacións máis severas, este chegaba ata un 83%, cando no resto de España, no mellor dos casos, situariámonos nun 60%. Estamos a falar, polo tanto, de datos moi alarmantes. A partires de aí analizamos a evolución positiva de 215 casos de rapaces que comezaron a traballar con educadores sociais e, por último, deseñamos unha metodoloxía para proporcionar ferramentas de intervención que posibiliten a redución do fracaso escolar neste colectivo, sempre que as administracións o consideren. A conclusión é que mediante a aplicación de determinadas metodoloxías pódese reducir o impacto negativo dos factores sociais.

Que papel teñen os educadores sociais nos centros educativos na actualidade?
En Galicia non existen, só se toma algunha medida que se toma dende os Servizos Sociais e que non teñen un impacto trascendental. O que si comprobei é que existe unha gran diferenza entre que estas intervencións se fagan dende fóra ou dende dentro do centro, polo que existe unha necesidade de que o educador social estea onde debe.

Hai, polo tanto, unha reivindicación a nivel do seu sector?
Hai unha serie de colectivos, encabezados polo Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, que defenden esta reivindicación. Eu considérome máis crítico, porque creo que o educador social non debe ser un simple cargo corporativo, senón que entendo que é unha cuestión de carácter científico na que se está demostrando que para que haxa medidas efectivas para a redución do fracaso escolar dun colectivo que e moito maior do que cremos, a importancia de que se introduza a dimensión social vai na resposta das necesidades destes rapaces, non de que haxa ou non educadores sociais no sistema educativo.

Te puede interesar