entrevista

"Os galegos son o peor inimigo dos galegos, hai que perder os complexos coa lingua"

Isaac Alonso Estraviz, cun dos seus libros nas mans (XESÚS FARIÑAS).
photo_camera Isaac Alonso Estraviz, cun dos seus libros nas mans (XESÚS FARIÑAS).
Isaac Alonso Estraviz é autor do "Dicionário da Lingua Galega", dispoñible en internet co nome de "e-Estraviz", con máis entradas que o da Real Academia Española. 

Isaac Alonso Estraviz (Vilaseca, Trasmiras, 1935) recorda o libro "Amigos sempre", de Afonso Eiré, onde os rapaces que xogaban ao fútbol perdían se eran galegofalantes. El tamén ten un conto. O castigo de expresarse no idioma que relata este lexicógrafo é da súa época en Oseira. Foi frade dende 1947 ata 1960. Tiñan que desfacerse dunha moeda antes de caer a noite. Ao pobre compañeiro que quedaba coa cadela, tocáballe durmir de xeonllos."Iso non entra na cabeza", di este defensor do reintegracionismo ao que Democracia Ourensana e o Partido Popular propoñen como Medalla de Ouro da Provincia. Unha moción que levarán ao próximo pleno da Deputación. Eduardo Maragoto, presidente da Associaçom Galega da Língua(AGAL)–da que Estraviz foi un dos impulsores–retrata a un home cun "importante papel galeguizador na Igrexa galega"; "un dos principais filólogos do país e o principal lexicógrafo". É autor do "Dicionário da Lingua Galega", dispoñible en internet co nome de "e-Estraviz", con máis entradas que o da Real Academia Española. 

Como recibe a noticia?

Agradecido por que rompa o esquema que había respecto a min e outras persoas por pensarmos que o galego e o portugués son idiomas irmáns e por iso, fomos marxinados. Son doutor en galego sen ningún profesor de galego no tribunal. 

O Día das Letras Galegas adícase a Carvalho Calero. Xa non se despreza o reintegracionismo?

É que non hai razón ningunha. Na Península Ibérica, o dicionario máis completo de todos os que hai é o meu. Está próximo a 140.000 entradas. O da RAE ten 95.000.

Viaxou moito recollendo todo ese léxico galego.

Tanto viaxei que cando daba clase cos alumnos simplemente con falar eu xa sabía de onde eran. A algúns incluso lles dixen as súas aldeas. 

Era de levar caderno ou gravadora polas aldeas?

Normalmente levaba un caderno ou unha gravadora. Unha vez en Fisterra entrei nun bar e estaban uns mariñeiros discutindo. Graveinos e púxenllo aos alumnos de secundaria e díxenlles: 'Quero que ouvades e me digades de onde son'. Dixéronme: 'De Lisboa!' Púxenllo outra vez e volveron dicir o mesmo.

E eran da Costa da Morte.

Eran! Hai casos moi raros. Eu percorrín as parroquias de Cualedro e resulta que dunha aldea a outra, ao mellor a 500 metros, a fala é diferente. O que non podemos facer entón é basearnos en cousas dese tipo para dicir que falamos idiomas diferentes. Desa maneira, en cada aldea teñen un idioma diferente.

Que opina das estatísticas? O galego pérdese entre os novos.

Hoxe en día todo o mundo sabe galego. Unha vez no hospital da Coruña falando galego había unhas persoas falando en castelán, cando se enteraron que eramos profesores, pasáronse ao galego. Falaban castelán para dar mostras de que eran importantes. No Corte Inglés, se lles falas en galego, fálanche galego. A cousa non está tan mal como a pintan. Simplemente fai falta esperar un pouco. O peor inimigo dos galegos son os propios galegos, hai que perder os complexos. Non andar con tonterías.

Ao longo da súa vida, meteuse en moitas leas por falar galego?

Os galegofalantes sempre perdían. A nós en Oseira o que facían era darnos unha cadela, a moeda máis pequena que había. O que levaba a cadela tiña que moverse e meterlla a outro porque cando chegase a noite para irse deitar, o que tiña a cadela quedaba de xeonllos mentres os outros durmían. Esas son cousas que non entran na cabeza. Eu fun por tódalas partes de España e en cada sitio falan un castelán diferente. Cando me preguntaban de onde era dicía que da Península Ibérica, pero non porque desprezase os outros. Como vou eu desprezar unha lingua! Cando opositei a galego dixéronme: 'Tes que opositar a castelán que en galego estás suspenso'. Tiven un tribunal duro, fixeron todo o que puideron, pero eu aprobei á primeira. En Pontevedra, os profesores de galego nunca me saudaban. Ata un día que cansaron e o fixeron, e ata me convidaron a uns viños. En Galicia hai quen foi lusista e despois mudou. Aínda viven, pero non vou mencionar ninguén. Se non me poden ver, é problema deles. Hai que romper os esquemas. 

Te puede interesar