Galicia aposta pola excelencia na súa rede de prazas e mercados

GOBERNO AUTONÓMICO

Aberta a convocatoria da Xunta para transformalos en Mercados Excelentes e potenciar a experiencia de compra

Publicado: 11 ago 2024 - 08:30 Actualizado: 11 ago 2024 - 11:11
Clientes nos postos da Praza de Abastos de Ourense.
Clientes nos postos da Praza de Abastos de Ourense.

Co obxectivo de potenciar as prazas de abastos e mercados como enclaves estratéxicos vertebradores do territorio e xeradores de riqueza e emprego, a Xunta ten aberta ata o 19 de agosto unha convocatoria dotada cun orzamento de 1.280.000 euros, orientada a potenciar estes espazos e transformalos en Mercados Excelentes.

A través do impulso ao selo “Mercado Excelente”, o Goberno autonómico busca recoñecer así a diferenciación e a calidade das prazas de abastos e mercados galegos que están a responder aos retos de modernización e innovación sen perder a súa autenticidade e tradición, a súa proximidade e trato personalizado, apostando por converter a compra nunha experiencia para os clientes.

Este indicativo pode ser solicitado por concellos, asociacións ou federacións de prazas de abastos e mercados, e outórgase en base ao cumprimento duns estándares que están a ser redefinidos pola Xunta en coordinación co sector, para atender ás novas realidades destes.

Con estas axudas, búscase posibilitar actuacións que sirvan para fomentar a mellora deste tipo de instalacións, así como atender as necesidades de comerciantes e clientes, aproveitando a situación estratéxica dos mercados nas cidades e vilas da nosa comunidade autónoma, e poñendo en valor a profesionalidade e o bo facer das praceiras e praceiros, figuras claves na experiencia de compra. Tamén pretende mellorar a súa capacidade de dinamización comercial e turística, favorecendo a coordinación, por exemplo, cos centros comerciais abertos.

Neste senso, a aposta por estes espazos tamén se relaciona directamente co decidido impulso do Goberno autonómico ao comercio de proximidade, como elemento clave para a economía e o emprego local, incentivando os produtos agroalimentarios galegos de calidade e o consumo de produtos frescos e de tempada.

Detalles da convocatoria

Os mercados e prazas de abastos deben reforzarse como espazos comerciais clave no eido da alimentación, destacando polo seu produto e pola confianza que xera a súa orixe e a relación persoal das persoas comerciantes coa clientela. A través delas debemos canalizar o consumo dos produtos KM0, produtos de alta calidade e cunha alta compoñente de sostibilidade, non só pola proximidade ao lugar de produción senón tamén pola súa importancia á hora de fixar poboación no rural e manter terras cultivadas e producindo. Neste senso, promóvese a súa conversión a Mercados Excelentes.

En Galicia hai preto de 100 mercados e prazas de abastos e esta convocatoria contempla achegas tanto para os concellos que xa conten co selo, como para os que o queiran implantar.

En concreto, para potenciar a Rede de Mercados Excelentes de Galicia, os municipios que xa conten con esa figura poderán recibir axudas para accións enfocadas ao mantemento e mellora deste estándar de calidade, ademais de, como novidade, desenvolver campañas de dinamización comercial cun investimento máximo de 10.000 euros e para o deseño da imaxe corporativa do mercado. Forman parte da rede, por exemplo, os mercados de Vilagarcía de Arousa e Tomiño.

As prazas de abastos que non sexan aínda Mercado Excelente poderán sufragar accións de mentoring e de formación dos praceiros e praceiras, de consultoría especializada, de diagnose da situación e usos do mercado ou a elaboración da documentación necesaria para levar a cabo as actuacións destinadas a acadar o selo, ademais doutras actuacións de mellora. A través desta convocatoria, por exemplo, poderían optar a este selo os preto dunha decena de mercados en Ourense ou o medio centenar dos que operan en Pontevedra.

Nesta mesma liña, nas axudas a municipios hai dúas liñas máis de achegas, destinadas a adquisición de equipamento e eficiencia enerxética. Canto ás asociacións de prazas de abastos e mercados, financiaránselles actuacións de dinamización e revitalización no marco de proxectos de incentivación da demanda e do consumo ou mantemento dos marketplace, na mesma liña que no relativo ás federacións.

Decidido apoio ao comercio

A Xunta quere darlle ao comercio de proximidade a relevancia que se merece poñendo a disposición dos profesionais os programas que precisen para, entre outros, apoiar a súa actividade e garantir o relevo xeracional.

Clientes nos postos da Praza de Abastos de Ourense.
Clientes nos postos da Praza de Abastos de Ourense.

A presente convocatoria, que o ano pasado beneficiou a 33 entidades de toda Galicia a través dunha dotación superior aos 1,1 millóns, intégrase no compromiso da Xunta polo mantemento e reforzo do tecido comercial no conxunto do territorio galego, para afianzar o crecemento económico mediante a xeración de riqueza e emprego ao tempo que se fixa poboación. Nese senso, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ten convocado este ano outras ordes como os 2,25 M€ para impulsar a innovación e dinamización dos centros comerciais abertos. Todo isto converxe no Plan estratéxico do comercio galego que se está elaborando cos axentes do sector, unha planificación en materia de transformación dixital, innovación e modernización do sector comercial e tamén artesanal.

Contenido patrocinado

stats